Aberto ata o 1 de novembro o prazo para participar no III Concurso de Comunicación Científica do IGFAE

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) convoca a terceira edición do Concurso de Comunicación Científica (IGFAE C3), que ten como obxectivo fomentar o interese pola cultura científica e estimular a aprendizaxe da Física e os seus fundamentos. Dividido en tres categorías que pretenden desenvolver diferentes habilidades comunicativas e utilizando ferramentas virtuais e Internet, o concurso está aberto a persoas de calquera país. O período de inscrición acaba o 1 de novembro ás 23:59 horas.
Os participantes na modalidade de monólogos científicos crearán un monólogo con temática relacionada coa Física, especialmente a que é obxecto de estudo nas áreas de investigación do IGFAE. A duración máxima será de tres minutos, non se permitirá o apoio de ferramentas audiovisuais e realizarase en galego, español ou inglés. O texto expoñerase na cerimonia de entrega de premios virtual, emitida en directo pola canle de Youtube do IGFAE, durante a III Semana da Ciencia. A inscrición nesta categoría pode formalizarse a través do correo electrónico monologos-C3-2020@igfae.usc.es
No apartado de artigos divulgativos, os participantes escribirán un texto de divulgación científica cunha extensión máxima de 1.200 palabras que deberán enviar artigos-C3-2020@igfae.usc.es Finalmente, os concursantes crearán, na modalidade audiovisual, un vídeo divulgativo de entre tres e cinco minutos, que enviarán a vídeos-C3-2020@igfae.usc.es
As contribucións recibidas serán avaliadas por un panel composto por persoal investigador do IGFAE, que pode incluír expertos externos. A metade da valoración será por votación popular en Twitter e tendo en conta as visualizacións obtidas en Youtube. A outra metade será o resultado da aplicación dos criterios do xurado. Na avaliación dos traballos terase en conta o rigor e a calidade dos conceptos presentados, orixinalidade e interese do tema, adecuación aos obxectivos do certame e, sobre todo, a capacidade de comunicar o contido a público non experto. As decisións dos xurados comunicaranse na cerimonia de entrega de premios virtual que se realizará durante a III Semana da Ciencia en novembro. Os premios consistirán nun iPad mini ao mellor participante en cada categoría.
Esta actividade é unha iniciativa do grupo de divulgación do IGFAE, forma parte da III Semana da Ciencia do IGFAE e cofinánciase con cargo ao Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.