Ir o contido principal

Aberto ata o 13 de maio o prazo para participar na Business Factory Food

BFFood busca impulsar e consolidar aqueles proxectos innovadores que dean resposta aos principais retos expostos polas empresas do sector da alimentación. FOTO: https://bffood.gal/
BFFood busca impulsar e consolidar aqueles proxectos innovadores que dean resposta aos principais retos expostos polas empresas do sector da alimentación. FOTO: https://bffood.gal/
Esta é a cuarta edición desta aceleradora vertical que selecciona proxectos cos que dar resposta aos retos da industria alimentaria galega
Lugo, Santiago de Compostela

A aceleradora vertical Business Factory Food (BFFood), de cuxo comité técnico forma parte a USC, seleccionará unha ducia de proxectos innovadores de emprendemento, tanto estatais como internacionais, que dean resposta aos retos da industria alimentaria galega. O prazo para concorrer á cuarta edición desta convocatoria manterase aberto ata as 14.00 horas do 13 de maio. BFFood leva impulsado ao longo das súas tres edicións un total de 25 proxectos de entre 187 candidaturas recibidas de dentro e fóra do continente europeo.

As  startups, entidades e empresas que teñan unha idea innovadora, poden presentar as súas candidaturas a unha das dúas modalidades ofertadas. A modalidade de aceleración consiste nun programa de apoio integral e especializado no sector alimentario enfocado a iniciativas emprendedoras na súa fase inicial, que estean a desenvolver un produto ou servizo mínimo viable e teñan esbozado un modelo de negocio. Doutra banda, a modalidade de consolidación conforma un programa de apoio integral e especializado no sector alimentario enfocado a empresas xa constituídas cun produto ou servizo definido, aliñado con algún dos retos que busca resolver o sector alimentario a través de  BFFood.

Nesta nova edición acolleranse ata seis iniciativas para o programa de aceleración —de nove meses de duración—, e ata seis para o de consolidación —que abrangue doce meses—. Nos dous casos,  BFFood ofrece programas de  coaching, formación especializada, acceso a infraestruturas científico-técnicas e servizos avanzados,  mentoría dos líderes do sector, financiamento directo e acceso a investimentos, así como a unha rede de networking no ecosistema de innovación alimentario.

Retos

BFFood busca impulsar e consolidar aqueles proxectos innovadores que dean resposta aos principais retos expostos polas empresas do sector da alimentación como é o caso da dixitalización e automatización, trazabilidade, calidade e seguridade alimentaria, loxística, sustentabilidade, desenvolvemento de novos produtos e innovación de procesos e comercialización. Tamén se expón un reto aberto para calquera proxecto aplicable á industria que supoña a introdución dalgún tipo de innovación ou mellora.

Os proxectos seleccionados na cuarta edición de BFFood accederán a un financiamento de 25.000 euros a fondo perdido no programa de aceleración, para o desenvolvemento do produto ou servizo, e dun préstamo participativo de ata un máximo de 50.000 euros. No caso dos proxectos de consolidación, poderán acceder a un préstamo participativo que podería implicar unha opción de capitalización de ata un máximo de 250.000 euros.

Cada proxecto seleccionado contará cun ou máis mentores específicos, pertencentes a unha das empresas  tractoras de  BFFood. Estas ocuparanse de conducir a súa evolución e guiarlles no seu desenvolvemento, facilitando a aliñación da proposta de valor coa resolución do reto. Nesta cuarta edición, as empresas mentoras de  BFFood son Bodegas Martín Códax, Cafés Candelas, Calvo, Clavo Food Factory, CEAMSA, Congalsa, CLUN, Gadis, Galacteum, Kiwi Atlántico, Laber, DS Smith, Grupo Lence, Grupo Pereira, Larsa, Nueva Pescanova, Quescrem, Torre de Núñez, Viña Costeira, Vegalsa, Casa Grande de Xanceda e Hijos de Rivera. Esta iniciativa está impulsada pola Xunta de Galicia e dinamizada polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.04.2022.