Ir o contido principal

Aberto o prazo para concorrer ao I Premio de Investigación Fernando Viñuela sobre Neurorradioloxía Intervencionista

O prazo para concorrer ao certame centrado nos TFG permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de outubro. FOTO: Santi Alvite
O prazo para concorrer ao certame centrado nos TFG permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de outubro. FOTO: Santi Alvite
A Cátedra institucional da USC centrada no neurointervencionismo, acaba de impulsar tamén a primeira edición do seu galardón dirixido a recoñecer traballos fin de grao neste eido
Santiago de Compostela

A Cátedra de Neurorradioloxia Intervencionista da USC acaba de dar luz verde ao seu I Premio de Investigación Fernando Viñuela, dotado con 2.000 euros, e dirixido a persoal investigador que teña publicado durante 2020 un traballo de investigación ou defendido unha tese de doutoramento, que tivera como tema de estudo calquera aspecto do neurointervencionismo. O prazo para concorrer a este certame é de sesenta días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación das bases no taboleiro da USC.

Esta Cátedra institucional publicou tamén a primeira edición do seu galardón dirixido a recoñecer traballos fin de grao neste eido. Poderán presentarse a este premio todos/as os/as estudantes que teñan defendido durante o curso académico 2020/2021 un Traballo de Fin de Grao (TFG) que tivera como tema de estudo aspectos relacionados co neurointervencionismo, e que tiveran acadado a máxima cualificación académica de sobresaliente por parte das respectivas comisións. Outorgarase un único premio en metálico de 500 euros para o traballo gañador que irá acompañado do correspondente diploma acreditativo. O prazo para concorrer ao certame permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de outubro.

A Neurorradioloxía Intervencionista (NRI) é unha área de dedicación especial orientada ao tratamento de enfermidades do sistema nervioso central, medula espinal, columna vertebral e rexión da cabeza e pescozo, mediante técnicas minimamente invasivas. Dentro da NRI destacan, polo grao de desenvolvemento alcanzado, as técnicas endovasculares, sendo xa amplamente recoñecido o seu papel no diagnóstico e o tratamento da patoloxía vascular do sistema nervioso central.

A meta desta Cátedra institucional da USC é a de fomentar, difundir e formar tanto ao alumnado como aos profesionais sanitarios en todas as actividades da terapia  endovascular que permitan o diagnóstico e tratamento de enfermidades vasculares cerebrais complexas reducindo o tempo da cirurxía convencional coa consecuente diminución da estancia hospitalaria, acurtando a fase de recuperación e facilitando unha rápida incorporación á vida familiar e laboral. Os obxectivos desta Cátedra consisten no desenvolvemento de programas de formación, impartindo  complementos a estudantes e profesionais da saúde; mediante a realización de actividades  docentes e investigadoras, promocionando a innovación e facilitando o fomento da transferencia tecnolóxica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.03.2021.