Aberto o prazo para inscribirse nas sesións de conversa do CLM

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC lanza unha nova edición das súas sesións de conversa orientadas á práctica da expresión e da interacción oral coa finalidade de afianzar estruturas lingüísticas, repasar vocabulario, mellorar a pronuncia e gañar en fluidez. Inglés, francés e alemán (en modalidade presencial e/ou en liña) son os idiomas ofertados. As sesións presenciais contarán cun máximo de seis persoas; mentres que as virtuais, estarán integradas por catro participantes. As sesións durarán 30, 40 ou 60 minutos, segundo o idioma, ata esgotar un total de dez horas.
As persoas que non teñan o nivel asignado polo CLM terán que facer un test de nivel por internet ou unha titoría de acceso. Así, deberán contactar coa coordinación da sección do idioma que queren practicar ou mandar un correo a clm [at] usc.gal (clm[at]usc[dot]gal) e inscribirse no test dende a secretaría virtual da USC (localizar: Actividades, cursos e probas e premer na ligazón Test Nivel CLM). O acceso ao test de nivel e a súa correspondente matrícula permanece aberta ata o 29 de outubro. Unha vez realizado, a matrícula nas sesións de conversa que rematarán en xaneiro de 2022, poderá formalizarse ata o 31 de outubro.