Ir o contido principal

Aberto o prazo para participar na cuarta edición do Concurso de Comunicación Científica do IGFAE

Alumnas de electrodinámica física
Os temas dos traballos deberán estar relacionados coa Física, especialmente cos ámbitos de traballo do IGFAE. Foto: Santi Alvite
Poderase participar ata o 31 de outubro en calquera das tres categorías incluídas, fotografía científica, artigos divulgativos e vídeos de divulgación
Lugo, Santiago de Compostela

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) convoca a cuarta edición do Concurso de Comunicación Científica (IGFAE C3) cuxo obxectivo é fomentar o interese pola cultura científica e estimular a Aprendizaxe da Física e os seus fundamentos. A convocatoria contempla tres categorías que pretenden desenvolver diferentes habilidades comunicativas como son fotografía científica, artigos divulgativos e vídeos divulgativos (youtuber científico). O prazo de participación remata o 31 de outubro.

O Concurso está aberto a un público xeral con especial énfase no persoal investigador dos organismos públicos de investigación; estudantado de doutoramento, mestrado e grao; alumnado de ESO e Bacharelato; así como a profesorado que traballa no ámbito da docencia da Física; e a profesionais da divulgación científica .

Fotografía

Na categoría de fotografía, as persoas interesadas deberán presentar unha fotografía científica de temática relacionada coa Física, especialmente a que é obxecto de estudo nas áreas de investigación do IGFAE. A imaxe deberá será orixinal, inédita e non presentada a concursos.

Artigos

Na categoría de artigo aceptaranse relatos, entrevistas, reportaxes, contos, novas ou outros xéneros sobre un tema relacionado coa Física, como sucedía na categoría de fotografía, con especial atención ás liñas traballo do Instituto. Poderán presentarse orixinais redactados en galego, español ou inglés, cunha extensión máxima de 1.200 palabras.

Vídeos

Na modalidade de vídeos poderán concorrer aquelas propostas dunha duración de entre 3 e 5 minutos, realizados en galego, español ou inglés e poderán incluír todo tipo de recursos audiovisuais (música, efectos especiais, animacións ou outros vídeos de apoio), sempre que respecten os correspondente dereitos de autor e uso oportunos.

Na avaliación dos traballos presentados terase en conta o rigor e a calidade dos conceptos presentados, orixinalidade e interese do tema, a adecuación aos obxectivos do certame e, sobre todo, a capacidade de comunicar o contido ao público non experto.

Cartel do concurso
Cartel do concurso
Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.09.2021.