Abre un novo prazo de solicitude da convocatoria Erasmus+ Prácticas para promover a mobilidade laboral na UE

O estudantado de grao e mestrado da USC pode solicitar ata o vindeiro 1 de novembro a realización de prácticas dentro do programa Erasmus+. Estas mobilidades laborais poden realizarse en países membros da Unión Europea así como en terceiros países como Noruega, Islandia, Liechtenstein, Macedonia do Norte, Turquía e Serbia.
Para acollerse ao programa Erasmus Prácticas, o estudantado debe buscar unha empresa ou entidade estranxeira na que realizar as súas prácticas. O período de mobilidade será dun mínimo de dous meses e dun máximo de seis, do que se financiarán ata un máximo de catro (agás para o estudantado con consideración de menos oportunidades, que recibirá financiamento para todo o período). As axudas contan cunha dotación de entre 400€ e 500€ mensuais, dependendo do destino. Estas estadías poderán realizarse ata o 31 de xullo de 2026.
Vantaxes do programa
“Este programa permite ao estudantado desfrutar dunha experiencia laboral no estranxeiro, entre outras vantaxes como a aprendizaxe lingüística e o desenvolvemento dos denominados `soft skills´, competencias alén do ámbito académico que fomentan o pensamento crítico, a capacidade analítica e o traballo en equipa”, sinala a vicerreitora de Titulacións e Internacionalización, María José López Couso.
O programa Erasmus + Prácticas fomenta habilidades que entroncan cos perfís de carácter transversal e versátil cada vez máis demandados polo tecido empresarial, que valora especialmente a capacidade de transformación e renovación dos seus cadros de persoal.
En definitiva, a convocatoria representa unha oportunidade única para que o estudantado da USC amplíe a súa formación nun contexto internacional, adquirindo experiencia profesional nunha contorna laboral real.