Ir o contido principal

Acuicultura, unha alternativa necesaria, saudable e sustentable

Imaxe do vídeo 'Cultivando na auga: tradición e innovación'
Imaxe do vídeo 'Cultivando na auga: tradición e innovación'
O documental ‘Cultivando na auga: tradición e innovación’, da Rede Inmunogenom da USC, ve na acuicultura a resposta á crecente demanda de peixes e moluscos e as claves para mellorar a rendibilidade dos produtores a través da mellora xenética, así como da identificación de patóxenos emerxentes e a prevención de enfermidades
Lugo, Santiago de Compostela

A acuicultura antóllase como unha alternativa necesaria e sustentable para Galicia, tanto para a conservación da singularidade dun territorio bañado por dous mares e atravesado por milleiros de ríos, como para a protección da diversidade das súas augas doces e salgadas e para mellorar a rendibilidade dos produtores e do importante tecido socioeconómico cuxa actividade xira arredor da pesca e do mar. Estas ideas constrúen a mensaxe recollida no documental ‘Cultivando na auga: tradición e innovación’, un vídeo elaborado a iniciativa dos investigadores da USC e do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) da Xunta de Galicia integrados na Rede Inmunogenom que fon o poco na importancia da acuicultura na comunidade galega.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e o coordinador da Rede Inmunogenom e catedrático de Xenética da USC, Paulino Martínez, presentaron este venres na Casa do Saber de Lugo o monográfico audiovisual sobre o sector acuícola en Galicia, unha peza que, a través de testemuños de produtores e responsables empresariais e de centros de investigación, dá conta da dimensión da acuicultura e das potencialidades deste sector para Galicia.

A presentación da acuicultura como resposta necesaria para atender a crecente demanda de peixes e moluscos constitúe o punto de partida dun documento audiovisual que defende a acuicultura como selo de diferenciación, calidade e singularidade dos produtos galegos, ao tempo que presenta este abano de actividades como garantía da conservación e da protección dun enclave único e privilexiado.

O avance que representa a acuicultura cara a sustentabilidade ambiental, pero tamén económica e social é outra das ideas vertebrais do documental elaborado pola Rede Inmunogenom, cuxo coordinador, Paulino Martínez, sitúa na acuicultura as claves ou elementos que posibilitan mellorar a nutrición, a xenética, reprodución e favorecer o rápido crecemento das especies, así como a atalaia axeitada para a detección precoz de patoloxías e patóxenos emerxentes, o que redundaría nunha maior rendibilidade.

Galicia é unha comunidade singular para a acuicultura, salienta este documental da Rede Inmunogenom, que tamén confire á comunidade galega atribucións de capacidade e liderado para a produción de mexillóns, ameixas, berberechos, ostras, linguados, rodaballos e troitas, especies que Galicia pesca, pero tamén cría e cultiva en proporcións aínda maiores.

Investigación, tecnoloxía e innovación

Investigación, Tecnoloxía e Innovación son elementos imprescindibles para o crecemento e o desenvolvemento da acuicultura, un sector que no caso de Galicia merece a consideración de referencia mundial grazas ao apoio científico, a asistencia técnica e ao rigoroso control das condicións de produción e comercialización, co que se garante a trazababilidade dos produtos.

Outras das fortalezas da acuicultura en Galicia das que dá conta a Rede Inmunogenom a través deste documento audiovisual están relacionadas coa forte aposta pola implementación de novas estratexias xurdidas da I+D ligada ao desenvolvemento tecnolóxico. Esta evolución tamén ten repercusións positivas na xestión sustentable dos recursos, así como na saúde, o benestar animal e mesmo na calidade dos produtos. De feito, o consumo de produtos acuícolas é recomendable por ser fonte de proteína e de ácidos esenciais omega 3, nutrientes necesarios para unha alimentación sa e equilibrada.

A elaboración do documental ‘Cultivando na auga: tradición e innovación’ contou con financiamento achegado pola Consellería Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia a través da Rede Inmunogenom e da agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra BioReDes, ao tempo que tamén recibiu fondos do Programa Iberoamericano de Ciencia e Tecnoloxía para o Desenvolvemento (Cyted), a través da Rede AQUA-CIBUS da Universidade de Vigo. O vídeo está accesible na canle de Youtube da USC.

 

Paulino Martínez, na presentación do documental 'Cultivando na augua: tradición e innovación'
Paulino Martínez, na presentación do documental 'Cultivando na augua: tradición e innovación'
Montserrat Valcárcel, na presentación do documental 'Cultivando na augua: tradición e innovación'
Montserrat Valcárcel, na presentación do documental 'Cultivando na augua: tradición e innovación'
Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.03.2021.