Alexandre Sotelino Losada, distinguido co XIV Premio Alecrín de Investigación 2025

O profesor do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC e membro do Grupo de Investigación ESCULCA, Alexandre Sotelino Losada, acaba de ser recoñecido co XIV Premio Alecrín na categoría de Investigación que concede a Federación de Entidades Galegas en Cataluña (FEGALCAT) co apoio da Xunta de Galicia. O galardón recoñece a súa traxectoria académica e cultural no ámbito da educación intercultural, a migración e a identidade cultural.
O xurado destacou a súa ampla contribución á investigación sobre diversidade cultural e xustiza social, especialmente a través da súa docencia na materia Pedagoxía Intercultural, e a súa participación no GI-ESCULCA, grupo que ten como un dos seus eixes fundamentais a análise crítica da educación en contextos culturais diversos. A súa obra científica inclúe estudos sobre o retorno migratorio, a memoria histórica da emigración galega, a relación entre cultura e pertenza e o papel da diáspora na conformación da identidade galega contemporánea.
Sotelino ten tamén unha intensa actividade divulgadora reflectida en numerosas publicacións, conferencias e colaboracións institucionais tanto dentro como fóra do ámbito universitario. A súa capacidade para achegar á sociedade os resultados da investigación educativa foi un dos aspectos máis valorados polo xurado do Premio Alecrín.
A traxectoria académica e investigadora do profesor Sotelino foi xa recoñecida en 2021 co Premio Educa ao Mellor Docente Universitario de España e en 2023 co Premio Alfredo Iglesias polo seu compromiso coa xustiza global e coa educación transformadora. A súa visión integradora entre investigación, acción educativa e compromiso social constitúe unha achega singular que recolle o sentido deste galardóns.
O acto de entrega dos Premios Alecrín 2025 terá lugar o vindeiro 7 de agosto no Centro Cultural Torrente Ballester de Ferrol, continuando así a tradición destes galardóns que, desde 2010, recoñecen o labor de persoas e entidades comprometidas coa cultura, a lingua e a identidade galegas.