Anabel Méndez e Candela Martínez gañan o II Concurso de TFG de Procesos Químicos e Nutrición Humana e Dietética

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC favorece a inserción laboral dos seus titulados e tituladas a través do Concurso de Traballos Fin de Grao de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e Nutrición Humana e Dietética, unha convocatoria promovida polo centro universitario lugués en colaboración co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, o Colexio de Dietistas e Nutricionistas de Galicia (Codinugal) e a empresa Ingapan, cuxos gañadores se deron a coñecer este martes nun acto no que se deu conta do fallo do xurado, que outorgou a súa máxima valoración aos proxectos presentados pola enxeñeira Anabel Méndez López e pola graduada en Nutrición Humana e Dietética Candela Martínez Castro. Estas dúas tituladas gozarán, ademais de diversas gratificacións, de cadanseu contrato de traballo durante un período de seis meses na corporación Ingapan.
O TFG desenvolvido por Anabel Méndez como colofón dos estudos do grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e que tamén recibiu un agasallo de 1.000 euros Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo consiste no deseño dun proceso de produción de urea a partir de CO₂ emitido na industria cementeira. Asemade, Candela Martínez plasmou no seu TFG do grao de Nutrición Humana e Dietética unha guía alimentaria con produtos sostibles e de tempada, unha achega pola que tamén recibirá como gratificacións tres cursos de formación impartidos por Codinugal, ademais da colexiación gratuíta.
O decano da Facultade de Ciencias da USC, Francisco Fraga, salientou que o concurso de TFG da Facultade de Ciencias responde a unha iniciativa coa que o centro universitario pretende incentivar a orixinalidade e a innovación nos Traballos Fin de Grao do seu alumnado, ao tempo que constitúe unha pasarela de acceso ao mercado laboral grazas á colaboración da corporación Ingapan. O decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, Jorge Rivera, aproveitou esta sesión para poñer en valor a titulación de Enxeñaría en Procesos Químicos Industriais, así como para reiterar o apoio que ofrece o órgano colexiado aos enxeñeiros desta rama. A presidenta do Colexio Oficial de Dietistas e Nutricionistas de Galicia (Codinugal), María González Rodríguez, abundou nesta mesma idea no marco dun acto no que a directora de Recursos Humanos de Ingapan Corporación, Ana Piñeiro Neira, destacou a calidade das candidaturas presentadas e tamén cualificou de “moi satisfactoria” a incorporación de titulados da Facultade de Ciencias ao cadro de persoal da empresa.
Outros premios
A cerimonia de entrega de premios do II Concurso de TFG da Facultade de Ciencias serviu asemade de recoñecemento público do interese doutros proxectos de fin de carreira desenvolvidos ao longo do último curso. Daquela, o xurado encargado de valorar as candidaturas recibidas do grao de Enxeñaría en Procesos Químicos Industriais, distinguiu co segundo premio, dotado con 500 euros, o proxecto presentado por Nerea Pena Vigo baixo o título ‘Proxecto de planta de produción de cremas cosméticas’. O TFG ‘Deseño e selección de equipos para unha planta de produción de iogur ecolóxico’, elaborado por Álex Veiga Castro, mereceu o terceiro premio, que inclúe unha gratificación de 300 euros por parte do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo. Asemade, Gabriel Louro Gómez tamén recibiu un diploma acreditativo polo TFG ‘Proxecto de planta de pasteurización e envasado de leite para granxa ecolóxica’.
As graduadas en Nutrición Humana e Dietética Sonia Boado Crego e María López Montes acadaron o segundo e o terceiro premio, respectivamente, deste certame coas candidaturas presentadas baixo os títulos ‘Elementos minerais de produtos derivados de cereais integrais e enfermidade renal’ e ‘Prebióticos de orixe animal: serán necesarios nun futuro?’ Estas dúas graduadas recibirán como agasallo de Codinugal cadansúa colexiación gratuíta, ademais do acceso de balde a dous e un curso de formación, respectivamente.
As outras oito graduadas en Nutrición Humana e Dietética que tomaron parte neste certame convocado pola Facultade de Ciencias do Campus de Lugo: Irene Nerea Becoña Boullosa, Laura Campello López, Lucía Díaz Méndez, María Fernández González, Alba González Martínez, Cristina Ledo Freire, Helena Rodríguez Fernández e Uxía Rodríguez Villamor, tamén recibiron cadanseu diploma acreditativo.