Antón de Marcos 'entra' na Facultade de ADE no Día da Galeguidade Empresarial
Un busto do fundador do grupo Antón de Marcos, o empresario Antonio Fernández López, preside desde este mércores a entrada da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo da USC, logo da celebración do Día da Galeguidade Empresarial, unha efemérides promovida polo Foro Enrique Peinador e que nesta ocasión serviu para tributar unha emotiva homenaxe a este filántropo lugués que, entre outros cometidos, dirixiu empresas como Zeltia, Cementos del Noroeste ou Frigsa.
Os reitor da USC, Antonio López, presidiu os actos organizados co gallo desta celebración, no marco da que tamén se rescatou a memoria do Congreso de Economía de Galicia de 1925, un foro de fonda pegada histórica desenvolvido na capital luguesa hai 95 anos e no que xa se falaba de Galicia como unha unidade que debía estar comunicada a través de estradas e vías férreas, ademais de defender a comarcalización, o recoñecemento da parroquia como unidade administrativa ou se apostaba polo turismo baseado no patrimonio para fixar poboación.
A xornada conmemorativa comezou co descubrimento do busto de Antonio Fernández López por parte do reitor da USC e do secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, un acto que espertou as emocións dos irmáns e familiares do homenaxeado xa finado e no que tamén participaron a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, a deputada provincial Ana González Abelleira; a presidenta do grupo El Progreso, Blanca García Montenegro, e o presidente do Foro E. Peinador, Xosé González Martínez, entre outras autoridades políticas e académicas, ademais de representantes do tecido empresarial.
Unha vez descuberto o busto de Antonio Fermández López, co que se pretende lembrar a pegada deste innovador e pioneiro empresario lugués que incorporou as novas tecnoloxías ás súas empresas e, entre outras achegas, apostou pola renovación pedagóxica coa posta en marcha do Colegio Fingoi e da Granxa Barreiros, o programa do Día da Galeguidade Empresarial continuou cun foro de análise e debate, no que distintos relatores abordaron tanto aspectos do homenaxeado como a actualidade da situación socieconómica de Galicia.
A presidenta de El Progreso abriu a quenda de intervencións cun emotivo recordo de Antonio Fernández López no que tamén lembrou algúns dos seus postulados empresariais. O historiador Ricardo Gurriarán Rodríguez afondou de seguido sobre a figura e a obra deste empresario lugués, do que destacou o seu perfil innovador. O pensamento económico galeguista e a contribución das entidades financeiras ao desenvolvemento económico de Galicia centraron a temática das intervencións neste foro do presidente do Foro E. Peinador e do director xeral de Caixa Rural Galega, Jesús Méndez.
Unha exposición sobre a organización territorial de Galicia, a cargo do fiscal Carlos Varela García, e cadansúa intervención sobre cooperativismo e telecomunicacións en Galicia, a cargo do director xeral de Aira SCG, Daniel Ferreira, e do director xeral de Itelsis, Xerardo García Alvela, respectivamente, serviron de peche da celebración desta dobre lembranza.