A Aula de Produtos Lácteos amplía o abano de servizos á industria alimentaria cun analizador de fluxo en po

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) do Campus Terra da USC amplía o catálogo de servizos que ofrece ás industrias alimentarias cun analizador de fluxo en po, un novo equipamento tecnolóxico que sitúa o Laboratorio de Propiedades Físicas desta plataforma tecnolóxica universitaria nunha posición de vangarda e permitirá aos seus profesionais analizar a textura dos alimentos, ademais de realizar outra serie de aplicacións e cálculos pouco habituais en España, pero que resultan acaídos para mellorar os controis de calidade das producións ou, entre outros cometidos, para advertir problemas de manexo dos produtos.
O analizador de fluxo en polvo e o software asociado de que dispón a Aula de Produtos Lácteos da USC reforza e complementa as prestacións do analizador de texturas TA.XPlus co que traballa o Laboratorio de Propiedades Físicas da Aula de Produtos Lácteos da USC e amplía a xa de por si numerosa gama de accesorios e sondas deste dispositivo, segundo sinala o responsable desta laboratorio da APLTA, Juan Ventura Trillo.
Este accesorio tecnolóxico ofrece a posibilidade de desenvolver cálculos pouco habituais en España, aínda que moi estendidos noutras partes do mundo, para controlar a calidade da produción de diferentes lotes ou monitorizar a variación dos ingredientes de novos provedores e a súa influencia nas propiedades de fluxo do produto. Asemade, esta nova dotación tecnolóxica da que acaba de dotarse a APLTA posibilita estudar problemas habituais no manexo deste tipo de produtos, tales como poden ser problemas de amazocamento durante os procesos de almacenaxe e transporte, ademais doutro tipo de incidencias coa descarga de depósitos ou contedores. Os resultados obtidos nestas análises ofrecen a posibilidade de adoptar solucións diversas, que poderían ir desde a incorporación de sistemas ou mecanismos de vibración ata a redución dos tempos de repouso do produto en cuestión.
Ademais de determinar parámetros como a dureza, fraxilidade, fracturabilidade, grao de adhesión, masticabilidade, gomosidade ou a elasticidade, co analizador de fluxo en polvo a Aula de Produtos Lácteos da USC poderá tamén calcular a densidade de compactación dun produto en po, estudar a súa cohesión, a tendencia a formar agregados e mesmo a súa compresibilidade.
As análises de comportamento dos produtos en po tamén son moi empregadas nalgunhas industrias, tales como a farmacéutica, cosmética, cerámica, metalúrxica, na fabricación de deterxentes, carbón ou, entre outras, fertilizantes, lembran desde a APLTA da USC, unha plataforma tecnolóxica que agarda poder optimizar as prestacións ofrecidas por este analizador de fluxo en po nas seccións de evaporación e secado de produtos líquidos, dado que a información achegada por este novo equipamento resulta moi útil, tanto en termos prácticos como económicos.
Funcionamento sinxelo
O funcionamento do analizador de fluxo de po é sinxelo e baséase nun rotor mecanizado helicoidalmente que pode moverse a través dunha columna de po de diferentes maneiras, en función da característica que se pretenda medir. A pala do rotor deste equipamento é tremendamente precisa. Ademais, conta con transdutor que mide la forza axial, tempo e distancia, mentres que o software asociado amosa e analiza datos en tempo real.