Ir o contido principal

O bimestre de xullo e agosto transmitiu unha sensación de seca superior á real

Entre os rexistros deste verán destaca así mesmo a temperatura mínima do 23 de agosto  cando non se baixou dos 21º8. Imaxe de arquivo de estudantado no campus. FOTO: Santi Alvite
Entre os rexistros deste verán destaca así mesmo a temperatura mínima do 23 de agosto  cando non se baixou dos 21º8. Imaxe de arquivo de estudantado no campus. FOTO: Santi Alvite
A estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC rexistrou un total de 79 litros por metro cadrado “concentrados practicamente en tres noites”, o que axudou a que se percibise unha meirande secura. No que vai de século, a media de precipitación destes dous meses sitúase nos 73,6 litros por metro cadrado
Santiago de Compostela

O bimestre xullo + agosto que acaba de rematar pode considerarse normal en canto a precipitacións e suave no referente ás temperaturas. Así o evidencian os datos obtidos acotío na estación meteorolóxica do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC. De choiva recolléronse 79,0 litros/m2 (39 ,7 + 39,3) “concentrados practicamente en tres noites o que axudou a transmitir unha sensación de seca” superior á real, tal e como explica o director do Observatorio, José Ángel Docobo. 

“De feito, no que levamos de século a media destes dous meses é de 73,6 l/m2”, engade. Deste xeito, a máxima cantidade de precipitación acadara os 285,6 l/m2 (30,5 + 255,1) no ano 2004, e a mínima os 13,8 l/m2 (1,2 + 12,6) medidos en 2016. “Como anécdota pode sinalarse que en xullo do ano 2020 non choveu en Santiago, sendo o agosto más seco o de 2002, con só 11,3 l/m2”, segue a relatar o profesor Docobo. 

En xullo do presente ano, o día máis chuvioso (con só precipitación nocturna) foi o 7 con 17,1 l/m2, seguido do 28 con 9,2 l/m2, rexistrándose en total 11 días con auga “aínda que só en catro deles a cantidade superou o litro por metro cadrado”. O  18 de agosto, con 32,3 l/m2 (a meirande parte de noite), resultou ser o día máis chuvioso do bimestre, sendo neste oitavo mes do ano cando se rexistrou a única tormenta, na noite do 22. Ao igual que en xullo, foron moi poucos os días de chuvia con máis de 1 l/m2, en concreto, tres dos doce nos que nalgún intre precipitou sobre Compostela.

Temperaturas

En canto ás temperaturas, este ano non se superaron os 30º en ningunha xornada do mes de xullo pero si que se rexistraron, en cinco ocasións, durante o mes de agosto, cuxo día 8 marcou, de momento, a máxima do ano con 36º2. As xornadas do 22 (35º4) e do 23 (35º5) foron, así mesmo, destacables neste senso. “Cómpre sinalar que, de cando en vez, a temperatura máxima do ano  prodúcese fóra deste bimestre estudado, sobre todo en xuño ou setembro, incluso e raramente en maio”, matiza o profesor Docobo.

Neste século, o promedio de días con máis de 30º de máxima no conxunto xullo + agosto é de 9, destacando nos extremos o ano pasado no que se rexistraron un total de 19 (nove en xullo e dez en agosto). Pola contra, neste bimestre, nos anos 2007 e 2014, só se produciron tres días nos que os termómetros superaron a cota dos 30º. En 2009, sucedera algo semellante ao deste ano: cero días en xullo e cinco en agosto; e en 2004 fora en agosto cando non se chegara á trintena de graos.

Entre os rexistros deste verán destaca así mesmo a temperatura mínima do 23 de agosto  cando non se baixou dos 21º8. Porén, dita cifra atópase por debaixo dos 23º do 14 e 15 de xullo de 2022 e, sobre todo, da marca do 20 de agosto de 1993, cunha  mínima  de 23º9. A máxima mantense nos 40º3 acadados o 20 de xullo de 1990.

O que vai de ano

Nestes oito primeiros meses do ano lévanse medidos 783,5 litros/m2, cifra que en 2022 foi menor, 553,2 l/m2. Con todo, naquela altura, as intensas chuvias do outono fixeron que, ao final do ano, case se acadaran os 1.800 l/m2, que é a media anual de precipitación na cidade de Santiago de Compostela.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.09.2023.