Bin Wu e Manuel Ángel Ortuño, novos investigadores da USC ao abeiro do Programa de atracción e retención do talento

Bin Wu do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) e Manuel Ángel Ortuño Maqueda do Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) son os dous investigadores que se incorporan á USC ao abeiro do Programa de atracción e retención do talento que impulsa a Xunta de Galicia. O reitor Antonio López tomou parte no acto de acollida a estes científicos xunto ao presidente Alberto Núñez Feijóo. A través desta iniciativa, preténdese asentar persoal de recoñecida traxectoria profesional en estruturas de investigación sobranceiras da Comunidade.
O investigador Bin Wu, especialista en Física nuclear de altas enerxías pola Universidade de Pekín e procedente da Organización Europa para a investigación nuclear (CERN) sitúase dentro da área ‘O Modelo Estándar cara aos límites’, no marco do programa ‘QCD quente e denso na era do LHC e máis alá’. Este programa dedícase a estudar os novos estados da materia nos primeiros microsegundos despois do Big Bang, utilizando aceleradores como o LHC do CERN onde colisionan partículas a case a velocidade da luz para reproducir estes estados.
Pola súa parte, as liñas de investigación de Ortuño Maqueda baséanse na simulación de sistemas químicos complexos para catálise a diferentes escalas atómicas: moléculas, sólidos porosos, superficies e líquidos. O novo investigador do CiQUS procede do Instituto Catalán de Investigación Científica (ICIQ) e ten traballado en catalizadores homoxéneos para polímeros baseados en biomasa e en redes metal–orgánicas para a valorización de gas natural.