Ir o contido principal

BioIncubaTech fai de Galicia un polo de atracción biotecnolóxico internacional

BioIncubatech é a primeira bioincubadora de Galicia e a única en España especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados á saúde e ao sector agroalimentario. Laboratorio da ETSE (imaxe de arquivo). FOTO: Santi Alvite
BioIncubatech é a primeira bioincubadora de Galicia e a única en España especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados á saúde e ao sector agroalimentario. Laboratorio da ETSE (imaxe de arquivo). FOTO: Santi Alvite
Esta incubadora na que toma parte a USC incorpora proxectos procedentes de Reino Unido, Portugal, México e República Checa que recibirán apoio para acelerar o desenvolvemento dos seus modelos e plans de negocio
Lugo, Santiago de Compostela

A Comisión de Dirección Operativa de BioIncubatech fixo públicos este venres os nomes das propostas seleccionadas na súa segunda convocatoria para formar parte desta bioincubadora de alta tecnoloxía. Trátase de 21 proxectos ou pemes, doce pertencentes ao sector da saúde e nove, ao agroalimentario. En total, recibíronse unha trintena de propostas chegadas de todo o mundo e aprobouse a entrada de seis proxectos internacionais, cumprindo así o obxectivo de converter a Galicia nun polo de atracción biotecnolóxico. Dous dos proxectos proceden do Reino Unido, dous de Portugal, un de México e un da República Checa. Algunhas destas startups proceden de centros de investigación de referencia internacional, como a University College de Londres ou o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía.

Dos proxectos aprobados, catorce deles estarán en modo preincubación, cinco en incubación e dous en aceleración. Estes datos supoñen que os esforzos desta bioincubadora vanse centrar en preincubación, para  arrincar novos proxectos empresariais de alto potencial contribuíndo a unha mellor definición do modelo e do plan de negocio.

A USC, a través da súa área de Valorización, Transferencia e Emprendemento, xestionará o apoio que os proxectos van recibir en diferentes áreas en función da natureza de cada proxecto e do seu grao de maduración. Bioincubatech apoiará estes proyectos no camiño cara a súa consolidación no mercado mediante accións de internacionalización, procura de financiamento e establecemento de redes comerciais, entre outras. Unha parte destas empresas estarán ubicadas nas instalacións do Edificio Emprendia mentres que outras farano en formato virtual.

Elevado carácter innovador

As empresas elixidas teñen un elevado carácter innovador buscando xerar un alto impacto económico e social. Vencelladas ao sector saúde, hai proxectos que propoñen a impresión 3D de medicamentos para conseguir unha mellor aproximación ás necesidades da medicina personalizada, tratamentos innovadores para enfermidades como a cardiopatía, a dor crónica ou lesións da médula espiñal, dispositivos para diferenciar enfermidades bacterianas de víricas e tamén solucións relacionadas coa COVID-19.

Na área de agroalimentación propóñense solucións de dinamización do sector, como o aproveitamento do soro das queixerías, melloras na xestión das explotacións gandeiras, detectores de contaminación na industria alimentaria ou a elaboración de bebidas fermentadas naturais a base de microorganismos autóctonos de Galicia.

Unha importante porcentaxe das candidaturas proveñen de centros públicos de investigación e universidades, o cal é lóxico tendo en conta a natureza do programa Bioincubatech que entre as súas premisas busca a transferencia de coñecemento do ámbito da ciencia á sociedade. Os proxectos seleccionados xorden principalmente dos entornos universitarios, destacando os vinculados á USC, aínda que tamén hai proxectos xurdidos doutros centros de investigación como as fundacións de investigación sanitaria de Galicia ou desde consorcios empresariais.

Os proxectos foron seleccionados por un Comite onde está a USC, a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), Uninova, Cámara de Comercio de Santiago, BIOGA e CLUSAGA, cuxa presenza contribúe a unha integración máis efectiva entre os centros xeradores de coñecemento (universidades e outros centros públicos) e o sector empresarial.

Primeira bioincubadora de Galicia

BioIncubatech é a primeira bioincubadora de Galicia e a única en España especializada en proxectos biotecnolóxicos aplicados á saúde e ao sector agroalimentario. BioIncubaTech conxuga dotación de infraestruturas e programas de incubación e aceleración, para conseguir atraer talento emprendedor e resultados de investigación de todo o mundo a Galicia.

Esta iniciativa está promovida pola USC, en colaboración con Uninova e a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, co financiamento da Fundación Incyde, a través da convocatoria 2018 de Incubadoras de Alta Tecnoloxía para o fomento da Innovación e a transferencia de tecnoloxía a micropemes (Fondos Feder), e da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain). Forma parte do Polo de Innovación en Biotecnoloxía que se está a crear en Santiago de Compostela, onde se instalará o centro de fabricación avanzada Sionlla Biotech, que se integrará no Hub de innovación dixital DATAlife liderado por Bioga.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.11.2020.