Bioincubatech pon en marcha almorzos formativos en liña para a xeración de redes no ámbito biotecnolóxico da saúde e o sector agroalimentario
Bioincubatech desenvolverá un ciclo de 25 almorzos formativos, en formato en liña, con relatores de referencia en biotecnoloxía dos sectores da saúde e agroalimentario. Este formato permitirá que o cadro de relatores e relatoras expoñan a súa experiencia e coñecementos e así xerar un debate a modo de ‘think thank’, compartindo coñecementos e iniciativas aplicables a proxectos e empresas galegas. Durante as sesións, dunha duración aproximada de 90 minutos, ademais da intervención principal de cada especialista haberá a opción de acceder a encontros privados para o intercambio de dúbidas e consultas específicas.
Esta acción formativa está enfocada cara os sectores da saúde e as tecnoloxías farmacéuticas, por ser as empresas que conforman o ecosistema do proxecto Bioincubatech. Sendo necesario formalizar unha inscrición, os encontros distribúense en cinco ciclo doutros tantos almozos, cada un, ata completar 25 seminarios. As primeiras sesións celebraransse os días 19, 20, 21, 26 e 29 e continuará nos próximos meses con novos relatores e temáticas enfocadas a xerar traballo colaboratorio e redes de colaboración especializadas.
Primeiro ciclo
O primeiro dos bloques estará centrado no financiamento, coa intervención de Gerard Albreda, que compartirá a súa experiencia e coñecementos como Business Creation Project Coordinator EIT Health Spain. Ao día seguinte, o 20 de outubro, Anais González Iglesias, Innovation and Solutions Architect en General Electric Healthcare abordará diferentes formulacións sobre financiamento, sinalando as principais vías de colaboración entre empresas. Xa o día 21 intervirá Alexandre Esteban, do Departamento de I+D da Dirección Corporativa de Investigación e Saúde da Fundación ‘la Caixa’, ao que seguirán o día 26 José Bayón, conselleiro delegado de ENISA e, pechando esta primeira quenda, o día 29, Luis Boada, CFO en importantes empresas de base tecnolóxica.
Bioincubatech
Bioincubatech é a incubadora de alta tecnoloxía par a o fomento da innovación e a transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e as tecnoloxías alimentarias ás micro pemes. É unha iniciativa da USC financiada pola Fundación INCYDE que se engloba e financia dentro do Programa Operativo FEDER de Crecemento Intelixente a través do Organismo Intermedio Cámara de Comercio de España.
Ademais, forma parte do proxecto ‘Incubadoras de Alta Tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia da tecnoloxía ás micro pemes’, orientadas a promover unha modernización do tecido produtivo das rexións. As incubadoras créanse como uns instrumentos tractores aliñados cos obxectivos da Estratexia UE 2020 e Horizonte 2020. Cada unha das incubadoras permitirá promover a cooperación interrexional, así como a colaboración entre os axentes do sector produtivo e empresarial, non so a nivel nacional senón tamén internacional.