Ir o contido principal

Bota a andar o Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, cen anos despois

Emilia Pardo Bazán
A USC será sede do congreso o xoves 28
O foro comezou este luns na RAG e o xoves 28 chegará á USC para profundar na curiosidade científica da autora galega
Santiago de Compostela

O Congreso Internacional Emilia Pardo Bazán, cen anos despois botou a andar este luns na sede da Real Academia Galega (RAG) e da Casa-Museo Pardo Bazán. A USC organiza xunto a RAG e Consello da Cultura Galega (CCG) este encontro que reunirá durante cinco días en Galicia boa parte das grandes voces expertas internacionais na autora. A cita cadrará, entre outras actividades conmemorativas, coa chegada ao Quiosco Alfonso da exposición ‘Emilia Pardo Bazán, o reto da modernidade’, mostra organizada pola Biblioteca Nacional de España na que poderán verse, entre outras, máis de 70 pezas relacionadas coa autora custodiadas pola RAG. O programa desenvolverase ata o mércores na sede da RAG e continuará o xoves e o venres na USC e no CCG. Todas as sesións poden seguirse na canle de Youtube da institución anfitrioa de cada xornada.

No acto inaugural deste luns tomaron parte a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; o presidente do comité organizador, o académico correspondente e profesor emérito da USC José Manuel González Herrán; e representantes da Xunta de Galicia, o Concello da Coruña e a Deputación da Coruña, institucións patrocinadoras do encontro.

Programa

O profesor emérito de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC e académico da RAE, Darío Villanueva, foi o encargado de pronunciar o relatorio de apertura, no que repasou a memoria da autora homenaxeada. A continuación, a escritora Marina Mayoral analizou o manexo da escritora do recurso da impersonalidade literaria. A mañá conclúe  cunha ollada a Pardo Bazán a través da prensa do seu tempo da man de Enrique Rubio Cremades da Universidade de Alacante e unha indagación nas fontes de dous relatos da autora, ‘Agravante e ‘La hierba milagrosa’ de Ángeles Ezama Gil da Universidade de Zaragoza. O programa retomarase pola tarde con seis comunicacións e concluirá cunha ruta dramatizada por Marineda, a cidade da Coruña á que Pardo Bazán deu unha nova vida na súa obra. 

Os profesores da USC  Ramón Villares e Marilar Aleixandre, Jo Labanyi da New York University, Marisa Sotelo da Universidade de Barcelona, Íñigo Sánchez-Llama da Purdue Universty, Ana Freire da UNED, ou Isabel Burdiel da Universidade de Valencia, autora da biografía sobre Emilia Pardo Bazán, entre outros especialistas, integran a listaxe de protagonistas do congreso que achegará distintas perspectivas arredor da vida e da obra da autora. 

Tras as tres primeiras xornadas na sede da RAG, a USC acollerá o xoves 28 de outubro, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, unha serie de sesións centradas na curiosidade científica de Pardo Bazán con relatorios a cargo dos profesores da USC José Manuel González Herrán, Francisco Díaz-Fierros, Ana María González Noya ou Andrés Díaz Pazos, entre outros investigadores. Os relatores e relatoras analizarán e avaliarán escritos —algúns aínda inéditos ou escasamente coñecidos— da autora, correspondentes tanto aos anos de formación como de épocas posteriores, e que revelan o arraigamento e persistencia das súas primeiras inquedanzas científicas.

A xornada que se desenvolverá o 29 de outubro no CCG, coa colaboración da Sección de Historia da Academia, centrarase na ollada de xénero da autora e arrincará cunha conferencia de Isabel Burdiel sobre o feminismo de Pardo Bazán en perspectiva histórica. Jo Labanyi, María Xosé Porteiro, Marilar Aleixandre, Mónica Bar Cendón e Pura Fernández completarán a ollada de xénero dun programa no que tamén se profundará na relación da autora homenaxeada coa Galicia do seu tempo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 25.10.2021.