Ir o contido principal

O Campus de Lugo ‘apadriña’ un núcleo tecnolóxico para a sustentabilidade agroalimentaria no norte de Portugal

De esquerda a dereita, Nuno Vieira, Manoel Batista, Carlos Rodrigues, Montserrat Valcárcel, Ana Abrunhosa, Isabel Ferreira, António Cunha e doutoras do proxecto Nutrir, en Melgaço
De esquerda a dereita, Nuno Vieira, Manoel Batista, Carlos Rodrigues, Montserrat Valcárcel, Ana Abrunhosa, Isabel Ferreira, António Cunha e doutoras do proxecto Nutrir, en Melgaço
A vicerreitora da USC Montserrat Valcárcel participou en Melgaço na inauguración do proxecto Nutrir, nun acto ao que tamén asistiu a ministra de Cohesión Territorial lusa, Ana Abrunhosa; o presidente do Instituto Politécnico de Viana do Castelo e representantes das entidades locais e organizacións empresariais da rexión miñota
Lugo

O Campus de Lugo da USC apadriña o núcleo tecnolóxico para a sustentabilidade agroalimentaria no norte de Portugal (Nutrir), unha iniciativa impulsada en Melgaço baixo o asesoramento científico do Instituto Politécnico de Viana de Castelo (IPVC) co obxectivo de avanzar na caracterización territorial e na avaliación das potencialidades e condicionantes das principais actividades agrícolas desta rexión do norte de Portugal, a fin de favorecer proxectos empresariais relacionados coa vitivinicultura e a produción animal que contribúan á dinamización económica e á promoción da sustentabilidade territorial.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, participou na inauguración do programa Nutrir, no marco dunha sesión na que tamén interviñeron a ministra de Cohesión Territorial de Portugal, Ana Abrunhosa; a Secretaria de Estado de Valorización Interior lusa, Isabel Ferreira; o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, António Cunha; o presidente do IPVC, Carlos Rodrigues, e os alcaldes dos concellos de Melgaço, Monçao e Paredes de Coura, así como outros representantes locais e as doutoras que desenvolverán ao longo dos próximos tres anos actuacións de investigación e asesoramento encamiñadas a poñer en valor os produtos locais da rexión do Baixo Miño.

A implicación do Campus de Lugo da USC neste proxecto transfonteirizo entre o Norte de Portugal e Galicia responde ao interese manifestado desde o Instituto Politécnico de Viana do Castelo e nomeadamente desde a súa Escola Superior Agraria, cuxa directora é a doutora luguesa egresada da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC Isabel Valín Sanjiao.

Daquela, esta enxeñeira agrónoma avogou porque a sede universitaria luguesa acompañara aos figurara xunto con representantes das cámaras municipais de Melgaço, Monçao e Paredes de Coura na comisión de asesoramento do proxecto Nutrir, un órgano que se ocupará de deseñar e supervisas as actividades programadas para favorecer o desenvolvemento desta rexión lusa, do que tamén forman o Centro de Investigación e Desenvolvemento de Sistemas Agroalimentarios Sostibles (CISAS), a Asociación de Desenvolvemento Integrado do Val do Miño (Adriminho), a Comisión rexional de Viticultura de viños verdes e a Estación de Enoloxía e Viticultura de Galicia (Evega).

Proxecto Nutrir

O proxecto Nutrir céntrase en territorios de baixa densidade de poboación e con baixa competitividade, enclaves nos que a presenza de estruturas de I+d+i con recursos humanos altamente cualificados antóllase como un recurso fundamental para a catalización da produción primaria e agroalimentaria, así como para articular estratexias de planificación empresarial e de sustentabilidade territorial.

O territorio rural de Monção e Melgaço caracterízase pola súa elevada calidade ambiental, así como pola importancia que ten na súa economía local a actividade agrícola asociada á produción de uvas da casta Albariño nas zonas máis baixas ou a produción animal nas áreas de montaña. O tecido empresarial da rexión está formado por pequenos negocios, produtores e empresas agroalimentarias de tamaño reducido e sen capacidade para implementar procesos de innovación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.05.2021.