As capturas incidentais de zamborca e sabella por parte da frota pesqueira galega sumaron 40 toneladas nos últimos 23 anos

Case 24 toneladas de zamborca (Alosa alosa) e 16 de sabella (Alosa fallax), esas son as cantidades de exemplares descargados pola frota pesqueira galega ao longo dos últimos 23 anos, tal e como constatou o proxecto da USC 1MARDEALOSAS. Persoal investigador da institución compostelá coordina este estudo centrado nas capturas incidentais de peixes migradores por parte da frota costeira de Galicia e que este martes 30 celebra unha xornada para dar a coñecer as súas principais achegas. A sesión dará comezo ás 10.30 horas e desenvolverase no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) de Vilanova de Arousa.
O estudo conclúe que a descarga maioritaria das especies obxecto de estudo prodúcese nas zonas administrativas de pesca A e B, dende a desembocadura do Miño e ata Cabo Prior. Ademais, as capturas úsanse fundamentalmente de xeito accesorio como carnada, a comida que se emprega para atraer os peixes e animais na pesca e na caza. O proxecto tamén serviu para evidenciar “a confusión nas declaracións de ambas as dúas especies na totalidade das lonxas analizadas, debido ao xeral descoñecemento das diferenzas existentes entre as dúas especies”, sinalan os responsables do proxecto no que tamén se detectou “a presenza maioritaria de exemplares adultos nas capturas e a importancia doutros organismos na dieta destes peixes”.
Xestión eficaz
1MARDEALOSAS é un proxecto coordinado por investigadores da USC para avaliar o impacto das capturas incidentais da actividade pesqueira sobre a zamborca (Alosa alosa) e a sabella (Alosa fallax), especies incluídas na Directiva Hábitats da UE 92/43/CEE, así como investigar aspectos descoñecidos da súa ecoloxía e distribución no medio mariño, para establecer políticas e plans de xestión eficaces para a súa protección e conservación. Esta é unha iniciativa liderada polo equipo do investigador Fernando Cobo e no que participan doce entidades colaboradoras entre as que se atopan a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), a Asociación Galega de Investigadores da Auga (AGAIA), armadores de Burela, a Consellaría do Mar da Xunta de Galicia, as confrarías de pescadores da Guarda, Cambados, Fisterra, Malpica de Bergantiños e Vigo, a lonxa da Coruña, o Servizo de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia e Sociedade Ibérica de Ictioloxía (SIBIC).
Como explican os investigadores, a nova Política Pesqueira Común (PPC) incide na necesidade de aplicar un enfoque ecosistémico á xestión pesqueira e introduce a obriga de desembarcar todas as capturas, incluídas as consideradas como descartes. Entre estas “capturas incidentais” é frecuente atopar a Alosa alosa e a Alosa fallax, debido ao seu comportamento gregario e a que viven en áreas próximas á costa. Ambas as dúas especies son anádromas, isto é, reprodúcense nos ríos, pero presentan unha fase de crecemento mariño; e son moi parecidas. “Aínda que hai varias décadas que as dúas especies chegan ás lonxas galegas, o seu escaso valor económico fai que parte das capturas sexan descartadas e devoltas ao mar”, explican os investigadores.
Rede Natura 2000
As actuacións deste proxecto afectaron a todo o espazo mariño no que operan as embarcacións pesqueiras da frota artesanal galega, que habitualmente adoitan faenar próximas á costa e dentro dos límites da plataforma continental. Por outra banda, a mobilidade desta frota é relativamente pequena, polo que os barcos habitualmente descargan as súas capturas no seu porto de orixe, aínda que ás veces poden descargar as súas capturas noutro porto dentro da mesma área xeográfica. Así pois, o ámbito de actuación potencial do proxecto tivo lugar en múltiples espazos mariños da Rede Natura 2000 da costa galega.
Neste senso e compaxinando os traballos de investigación sobre a distribución, bioloxía e ecoloxía destas especies, desenvolvéronse diversas actividades divulgativas e formativas para os axentes implicados nas principais lonxas de descarga e elaborouse unha proposta para a súa conservación e xestión baseada na inclusión de novas zonas do medio mariño galego na Rede Natura 2000. Esta proposta xa foi trasladada ás autoridades competentes en materia de xestión de espazos mariños da Rede Natura 2000, tanto a nivel autonómico como rexional, polo que o proxecto 1MARDEALOSAS favorecerá a implantación do sistema de xestión previsto no proxecto da Fundación Biodiversidade-LIFE IP INTEMARES ‘Xestión integrada, innovadora e participativa da Rede Natura 2000 no medio mariño español’ que contempla unha xestión eficaz, coa participación activa dos sectores implicados e coa investigación como ferramentas básicas para a toma de decisións.
A xornada deste martes diríxese a axentes implicados ou interesados, así como aos responsables ou xerentes de confrarías ou lonxas, patróns maiores, pescadores, biólogos de lonxa, operarios ou persoal técnico da Administración pública, entre outros; malia ter un carácter público, gratuíto e aberto a toda persoa interesada en participar. 1MARDEALOSAS conta coa colaboración da Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo FEMP.