Ir o contido principal

A Cátedra do Camiño impulsa 21 proxectos de investigación, difusión e didáctica sobre a ruta xacobea

A Cátedra creouse co obxectivo de apoiar e divulgar a investigación do Camiño de Santiago e a Peregrinación. FOTO: Santi Alvite
A Cátedra creouse co obxectivo de apoiar e divulgar a investigación do Camiño de Santiago e a Peregrinación. FOTO: Santi Alvite
As iniciativas que concorran a esta convocatoria optarán a un financiamento máximo de 3.000 euros por proxecto
Santiago de Compostela

A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, creada ao abeiro dun convenio asinado entre a USC e a Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, acaba de convocar 21 proxectos de investigación, difusión e didáctica sobre a ruta xacobea a desenvolver entre o 1 de febreiro e o 30 de abril do ano 2021. As iniciativas que concorran a esta convocatoria optarán a un financiamento máximo de 3.000 euros por proxecto. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ao da publicación  desta  convocatoria.

Poderán solicitar estas axudas os licenciados/as, doutorandos/as, investigadores/as e profesores/as universitarios/as, nacionais ou estranxeiros/as, que desenvolvan a súa actividade investigadora, divulgadora e docente en prol do ámbito da Cátedra Institucional. Non poderán presentarse a esta convocatoria as persoas que xa tiveron concedido un proxecto da Cátedra con anterioridade.

A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da USC e dirixiranse á Oficina de Investigación e Tecnoloxía (OIT). Os proxectos seleccionados terán como obrigación presentar publicamente os seus resultados na ‘Feira Expositiva da Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións-Xacobeo 2021’ que a Cátedra Institucional do Camiño e as Peregrinacións da USC, co apoio da Axencia de Turismo de Galicia da Xunta de Galicia e a Catedral de Santiago, están a organizar para o Ano Santo do 2021.

A Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da USC foi creada no Consello de Goberno de 29 de xullo de 2016 grazas a sucesivos convenios de colaboración entre a USC, a Axencia de Turismo de Galicia da Xunta de Galicia e a Catedral de Santiago, co obxectivo de apoiar e divulgar a investigación do Camiño de Santiago e a Peregrinación.  

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2020.