Ir o contido principal

A Cátedra do Camiño lanza a cuarta edición do seu premio de investigación sobre a ruta xacobea

Estas convocatorias chegan á súa cuarta edición. FOTO: Santi Alvite
Estas convocatorias chegan á súa cuarta edición. FOTO: Santi Alvite
Alén deste galardón dirixido a premiar libros ou teses de doutoramento e que está dotado con 1.000 euros, a Cátedra tamén acaba de dar luz verde a unha nova convocatoria do seu certame para recoñecer os mellores traballos fin de grao e de mestrado
Santiago de Compostela

A Cátedra do Camiño de Santiago e as Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, acaba de impulsar unha nova edición do seu premio de investigación, así como da convocatoria coa que se pretende recoñecer a Traballos Fin de Grao (TFG) e Fin de Mestrado (TFM) centrados na ruta xacobea.

O IV Premio de investigación sobre o Camiño de Santiago e das peregrinacións está dirixido ao persoal investigador de nacionalidade española ou estranxeira que teña publicado durante o ano 2020 un traballo en formato de libro de autoría individual, ou defendido unha tese de doutoramento, que tivera como tema de estudo o Camiño de Santiago ou as Peregrinacións. É condición indispensable que o traballo non teña obtido ningún premio anteriormente.

Outorgarase un único galardón en metálico de 1.000 euros para libros publicados con ISBN e teses de doutoramento inéditas. As  persoas  interesadas deberán  presentar  a  súa  solicitude  na  sede  electrónica  da  Universidade ou a través dos mecanismos contemplados na convocatoria. O prazo de presentación de candidaturas é de sesenta días naturais despois do día seguinte á publicación desta convocatoria.

TFG e TFM

Pola súa parte, a tamén cuarta edición do premio a TFG e TFM pretende poñer en valor o  Camiño  de  Santiago  e as Peregrinacións, dende múltiples perspectivas, como tema de estudo, alén de dirixirse a aqueles traballos que  obtiveran a   máxima   cualificación académica (sobresaliente) por parte das respectivas comisións. Outorgarase un único premio en metálico de 500 euros para TFG ou TFM, acompañado do correspondente diploma acreditativo. O prazo de presentación de solicitudes mantense aberto ata o 5 de outubro de 2021.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 22.03.2021.