Ir o contido principal

A Cátedra do Camiño premia un TFG sobre a promoción das peregrinacións a Santiago de Compostela

O estudo galardoado con 500 euros foi presentado para obter a diplomatura en Estudos Hispánicos na Universidade de Varsovia. FOTO: Santi Alvite
O estudo galardoado con 500 euros foi presentado para obter a diplomatura en Estudos Hispánicos na Universidade de Varsovia. FOTO: Santi Alvite
A estudante galardoada foi Zuzanna Checinska que presentou este traballo para obter a diplomatura en Estudos Hispánicos na Universidade de Varsovia
Santiago de Compostela

O Xurado do III Premio a Traballos Fin de Grao e Traballos Fin de Máster sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións, cuxa creación foi froito da colaboración entre a USC e Turismo de Galicia, acaba de premiar o traballo de Zuzanna Checinska ‘A promoción das peregrinacións a Santiago de Compostela’. O estudo galardoado con 500 euros foi presentado para obter a diplomatura en Estudos Hispánicos na Universidade de Varsovia.

O obxectivo do presente traballo é investigar as estratexias promocionais dos organismos oficiais cuxa misión é fomentar as peregrinacións a Santiago de Compostela. No TFG premiado afondouse en como se promociona a cultura e lingua galega; como se aproveitan as novas tecnoloxías; o xeito de achegarse ás minorías raciais nos materiais; como se aplican as políticas inclusivas de diversidade; como se transforma a peregrinación relixiosa en turismo; ou a quen se dirixen as estratexias promocionais e en que medios, entre outros aspectos.

O TFG abarca a análise dos materiais promocionais accesibles nas páxinas web das institucións galegas como a Xunta de Galicia, Cultura de Galicia, Turismo de Galicia, Camiño de Santiago, Concello de Santiago e Santiago de Compostela Turismo. Ademais, o traballo inclúe a análise das campañas promocionais en forma de vídeos, atopadas nas canles das entidades gobernamentais como a Xunta de Galicia, Turismo de Galicia e Xacobeo Vídeo na plataforma web Youtube, onde se atopan as películas actualmente dispoñibles.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.10.2020.