Ir o contido principal

A Cátedra do Pan e do Cereal Da Cunha, un impulso sostible para o I+D+i

Participantes na reunión da comisión de seguimento da Cátedra do Pan e Cereal Da Cunha, no edificio Cactus do campus de Lugo
Participantes na reunión da comisión de seguimento da Cátedra do Pan e Cereal Da Cunha, no edificio Cactus do campus de Lugo
Trátase da primeira cátedra institucional ligada ao Campus Terra da USC
Lugo

A Cátedra do Pan e Cereal Da Cunha, a primeira cátedra institucional ligada ao Campus Terra da USC, tense constituído nestes anos nun impulso sostible a prol da investigación e da innovación neste eido, tal e como se puxo de manifesto este luns no marco da reunión da comisión de seguimento da cátedra, unha sesión desenvolvida no edificio Cactus do campus de Lugo e na que participaron a catedrática da USC e directora da cátedra, Ángeles Romero, o xerente do grupo Da Cunha, Manuel Da Cunha Pereira; a vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; o vicerreitor de Planificación e Proxección Estratéxica da USC, Gumersindo Feijoo Costa, ademais doutros profesores e investigadores da sede universitaria e persoal técnico do grupo Da Cunha con participación activa nesta cátedra institucional.

A actividade desenvolvida e ou promovida pola Cátedra do Pan e Cereal Da Cunha ao longo do presente ano 2019 foi moi prolífica, polo que o balance é netamente positivo, asegurou a catedrática da USC Ángeles Romero, quen se referiu ao proxecto de investigación ‘Do solo á mesa’, unha actuación emprendida da man da agrupación estratéxica de investigación do Campus Terra da USC BioReDes e que terá continuidade ata mediados do próximo ano, ou a recente colaboración establecida entre a Cátedra do Pan e Cereal Da Cunha coa Misión Biolóxica de Galicia para a promoción do cultivo de variedades autóctonas de millo acaídas para a elaboración de pan, como dúas das accións máis salientables do último ano de vida da cátedra.

O traballo que está a desenvolver a Cátedra do Pan e Cereal Da Cunha xera de seguido novas liñas de traballo e investigación neste eido, sinalou Romero, quen precisou neste senso que o proxecto de I+D outorgado por BioReDes e orientado ao estudo dos solos, crecemento de plantas e análises sensoriais de pans é unha actuación que agroma máis de 20 investigadores pertencentes a dez áreas de coñecemento diferentes.

A colaboración emprendida coa Misión Biolóxica de Galicia a prol das variedades autóctonas de millo acaídas para a súa panificación é outra das accións que denota o impacto e a envergadura que está a acadar a Cátedra do Pan e Cereal Da Cunha no eido da investigación, subliñou Ángeles Romero.

A directora da primeira cátedra institucional ligada ao Campus Terra da USC destacou asemade que o impacto que está a ter no eido da I+D+i esta iniciativa apoiada polo grupo Da Cunha non é menor, tal e como o proban a defensa de varios TFG sobre esta temática, que tamén é obxecto de dúas teses de doutoramento que se atopan en fase de elaboración na USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2019.