Ir o contido principal

A Cátedra Valente de Poesía e Estética celebra o seu vixésimo aniversario cunha memoria virtual

Carátula do volume que recolle as memorias dos primeiros 20 anos da Cátedra Valente da USC
Carátula do volume que recolle as memorias dos primeiros 20 anos da Cátedra Valente da USC
O profesor Claudio Rodríguez Fer repasa nun audiovisual accesible en YouTube as accións desenvolvidas polo centro que dirixe desde a súa creación no ano 2000
Lugo, Santiago de Compostela

A Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC conmemora o seu vixésimo aniversario coa edición da memoria virtual ‘Cátedra Valente. XX Aniversario’, un documento audiovisual que está accesible en YouTube e no que o profesor da USC e director deste centro de investigación, onde se custodian a gran biblioteca e o importante arquivo que o escritor que lle doou á USC, repasa o labor e as actividades desenvolvidas ou impulsadas por esta cátedra desde a súa creación no ano 2000.

Habitada por personaxes tan significativos como o boneco Pancho, a quen Valente dedicou tres poemas, e representada polo simbólico logotipo debido ao pintor Antoni Tàpies, esta memoria presenta o panorama de catro lustros de poesía e de paixón, de ética e de estética e de traballo e de dedicación a partir dun índice de conceptos esenciais referencial ou metaforicamente.

Deste xeito, Creación, Inauguración, Dirección, Biblioteca, Arquivo, Correspondencia, Dedicatorias, Arte, Libros, Edicións, Poetas, Amizades, Conferencias, Triloxía Vital, Recensións, Presentacións, Bolsas, Investigacións, Doutoramentos, Seminarios, Representación, Colaboración, Audiovisuais, Ensinanza, Prácticas, Compromiso, Alén, Interculturalidade, Multilingüismo, Concertos, Almería, Reinauguración, Vitrinas, Exposición, Poemas, Tradución, Virtual, Humus e Infinito, conforman o esquema ou índice temático dos contidos incluídos nesta memoria da Cátedra Valente.

Rodríguez Fer salienta neste documento que a Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC actuou como ‘aleph’ do poeta galego durante os primeiros 20 anos do século XXI, ao tempo que manifesta o seu desexo de que este centro da universitario continúe no futuro o seu labor permanente de transferencia á sociedade de tanta riqueza artística, cultural e poética, un legado, que, segundo subliña Rodríguez Fer, aparece cifrado dalgún xeito no poema ‘Centro’, cuxos versos iniciais se reproducen manuscritos polo poeta nas cubertas do libro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.02.2021.