Ir o contido principal

O Centro de Estudos da Empresa aborda nun congreso os desafíos xurídicos e económicos da Intelixencia Artificial

Este foro constitúe, en palabras dos seus organizadores, “unha forma de difusión do coñecemento, pero á vez de encontro e debate dos aspectos xurídicos e económicos máis relevantes do fenómeno global da dixitalización”
Este foro constitúe, en palabras dos seus organizadores, “unha forma de difusión do coñecemento, pero á vez de encontro e debate dos aspectos xurídicos e económicos máis relevantes do fenómeno global da dixitalización”
O CERGI impulsa este foro que se desenvolverá en liña os días 13, 14 e 15 de outubro
Santiago de Compostela

O Centro de Estudos da Empresa: Responsabilidade Social e Competencia da USC toma parte na organización do Congreso Latinoamericano ‘Intelixencia artificial e economía dixital: desafíos xurídicos e económicos’ que se desenvolverá en liña os días 13, 14 e 15 de outubro. Este foro constitúe, en palabras dos seus organizadores, “unha forma de difusión do coñecemento, pero á vez de encontro e debate dos aspectos xurídicos e económicos máis relevantes do fenómeno global da dixitalización”. 

Baixo a dirección dos profesores da USC César García Novoa e Milagros Vivel Búa, este congreso realízase no marco do proxecto de investigación ‘Impacto da dixitalización e a intelixencia artificial na empresa e a sociedade: perspectivas xurídicas e económicas’ do Ministerio de Ciencia e Innovación. O foro foi solicitado no ano 2018 “porque estabamos convencidos da necesidade urxente de profundar a investigación da dixitalización dende a perspectiva socioeconómica, dado que se prevían grandes impactos no ámbito social e económico, o que expuña importantes retos xurídicos e políticos”, explican. Estas previsións non só non decaeron ou se viron paralizadas temporalmente pola pandemia do  COVID-19, “senón que se aceleraron en moitos casos precisamente como consecuencia desta”, engaden. Ademais, o Plan de Recuperación europeo dos efectos da pandemia vai acometer “un multimillonario investimento de recursos económicos para reactivar a economía, a cal se desenvolverá en gran medida apostando pola dobre transformación dixital e verde, o que potenciará máis aínda os efectos da dixitalización”, aclaran dende a organización do congreso.

Riscos e retos

Os investigadores apuntan a que se está a vivir un proceso acelerado de dixitalización da economía, debido ao desenvolvemento disruptivo das tecnoloxías e os procesos dixitais. “A Intelixencia Artificial, que se atopa na crista da onda disruptiva, actúa como catalizador doutras tecnoloxías e procesos que xeran novos modelos de negocio e mercados. Iso levou a que practicamente non exista proceso ou actividade económica e social na que non se explore a posibilidade do seu uso”, continúan dende a organización do congreso. Trátase dun fenómeno global no que non todos os actores “temos a capacidade de interactuar, existindo a posibilidade dun desigual aproveitamento das súas oportunidades. Por iso, é importante comprender os diversos aspectos do fenómeno da dixitalización, as oportunidades, os riscos e os retos que xera”, afirman.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2021.