Ir o contido principal

Chegan a 3000 as teses de doutoramento aloxadas en Minerva

Ademais das teses de doutoramento e numerosas coleccións e monografías, o Servizo de Publicacións edita dixitalmente en acceso aberto a totalidade das revistas da USC no seu Portal Dixital de Revistas. FOTO: Santi Alvite
Ademais das teses de doutoramento e numerosas coleccións e monografías, o Servizo de Publicacións edita dixitalmente en acceso aberto a totalidade das revistas da USC no seu Portal Dixital de Revistas. FOTO: Santi Alvite
A comunicación dixital en repositorios inscríbese no “dinámico movemento a prol do acceso aberto”, explica Juan Blanco, responsable do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC
Lugo, Santiago de Compostela

O Servizo de Publicacións, responsable técnico do aloxamento no repositorio Minerva das teses de doutoramento defendidas na USC, acaba de acadar as 3000 memorias aloxadas. O aloxamento das teses de doutoramento en repositorios institucionais de acceso aberto está obrigado polo RD 99/2011, de 28 de xaneiro, do Ministerio de Educación, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento. Dende esa data, o Servizo de Publicacións procede ao aloxamento técnico das obras en Minerva tras a sinatura dun documento de conformidade e autorización por parte do doutor/a. Por materias, a día de hoxe Minerva acolle 913 teses da área de Ciencias da Saúde; 779 da área de Ciencias; 621 de Ciencias Sociais e Xurídicas; 430 de Artes e Humanidades e 258 de Enxeñaría e Arquitectura.

A comunicación dixital das teses de doutoramento en repositorios inscríbese no “dinámico movemento a prol do acceso aberto, secundado por diferentes declaracións institucionais universitarias e disposicións legais españolas e da Unión Europea, que promove o compartimento universal a través da Internet dos resultados de investigacións desenvolvidas con financiamento público”, explica Juan Blanco, responsable do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC. Ademais das teses de doutoramento e numerosas coleccións e monografías, o Servizo de Publicacións edita dixitalmente en acceso aberto a totalidade das revistas da USC no seu Portal Dixital de Revistas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.07.2021.