Ir o contido principal

O ciclo DivulgaTerra 2019, no que participan 24 investigadores do Campus de Lugo, bota a andar este xoves na Casa do Saber

Ana Abelleira, Montserrat Valcárcel, Xusto Rodríguez e Adrián Casanova, na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
Ana Abelleira, Montserrat Valcárcel, Xusto Rodríguez e Adrián Casanova, na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo
O certame busca promover o uso do galego e facer visible o labor científico feito na sede universitaria luguesa, que en 2018 captou máis de 8,6 millóns de euros por I+D+i
Lugo, Santiago de Compostela

O evento de divulgación científica DivulgaTerra, unha iniciativa orientada a dar a coñecer o traballo desenvolvido polas investigadoras e investigadores do Campus Terra da USC, ademais de potenciar e poñer en valor o galego como lingua da comunicación científica, bota a andar a súa cuarta edición este xoves 7 de novembro no auditorio da Casa de Saber de Lugo cunha xornada arredor de pescudas ligadas ao ámbito das ciencias da saúde. As áreas de Ciencia e Tecnoloxía e Arte, Humanidades e Ciencias Sociais serán os eixes temáticos sobre os que traten as comunicacións científicas previstas para os días 14 e 21 de novembro no marco do ciclo DivulgaTerra Petiscos de Divulgación Científica 2019, promovido en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, presidiu este martes a presentación deste novo certame de divulgación científica no marco dunha sesión na que tamén participaron o responsable de Terminoloxía do SNL da USC, Xusto Rodríguez; a deputada provincial de Formación de Formación, Ensino e Economía do coñecemento, Ana González Abelleira, e Adrián Casanova Chiclana, investigador en formación do grupo Acuigen (Xenética para a acuicultura e a conservación de recursos). Valcárcel salientou nesta sesión que o I+D+i constitúe, alén da actividade formativa de carácter académico e regrada, un dos piares fundamentais da sede universitaria lugués. A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo comentou neste senso que aínda que a investigación é unha dimensión menos coñecida da actividade universitaria, supón un dos piares básicos do campus, tal e como o proban os máis de 8,6 millóns de euros captados e xerados por accións e proxectos de I+D+i en 2018.

A divulgación científica, “a irmá pobre da investigación”, segundo indicou o investigador Adrián Casanova, ten menor impacto económico, pero resulta imprescindible para evitar a imposición do pensamento único e para favorecer a transmisión de coñecemento a unha sociedade que non sempre acude ás fontes de información acaídas e é vítima das chamadas ‘fake news’. Este cometido divulgativo no Campus de Lugo pode facerse en lingua galega, porque “hai xente con competencias e capacidades acreditadas para facelo”, engadiu Xusto Rodríguez. Proba disto son as 24 persoas que presentarán as súas pescudas (20 relatorios e 4 pósters) nesta nova edición de DivulgaTerra, dixo.

Programa

Estruturado en tres xornadas, que se desenvolverán os días 7, 14 e 21 de novembro, a partir das 19.00 horas, o programa DivulgaTerra 2019, comezará este xoves cunha sesión arredor das Ciencias da Saúde, no marco da que intervirán varios investigadores/as mozos e a catedrática da área de Tecnoloxía de Alimentos da USC, Ángeles Romero, que ofrecerá a charla ‘Que sabemos dos alimentos procesados?’.

A profesora da USC e investigadora do Laboratorio de referencia de E. coli, Azucena Mora, pechará a sesión sobre ciencia e tecnoloxía programada o 14 de novembro no marco do DivulgaTerra co relatorio ‘Da penicilina á resistencia antimicrobiana: estamos a tempo de gañar esta batalla?. Asemade, a tamén profesora da USC e directora científica do Museo Universitario A Domus do Mitreo, Dolores Dopico participará o 21 de novembro na xornada do DivulgaTerra 2019 dedicada ás Artes, Humanidades e Ciencias Sociais, cunha charla que leva por título ‘Epi...que? Descubrindo o noso pasado romano a partir da epigrafía’.

Os faladoiros científicos programados ao abeiro de DivulgaTerra, un evento a través do que o sede universitario do Campus de Lugo tamén reforza a consideración do mes de novembro como mes da ciencia e en galego, son de acceso libre e están abertos á participación de todo o público interesado, segundo indicou a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, quen tamén fixo fincapé na cuestión de xénero, ao subliñar que as mulleres serán un ano máis protagonistas deste evento de divulgación científica.

Cartaz do ciclo DivulgaTerra 2019

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.12.2019.