Ir o contido principal

O CISUG asina os seus primeiros acordos transformativos coas editoriais Cambridge University Press e Oxford University Press

Os dous acordos permiten dispoñer de acceso de lectura a todas as revistas de ambas as dúas editoriais. FOTO: Santi Alvite
Os dous acordos permiten dispoñer de acceso de lectura a todas as revistas de ambas as dúas editoriais. FOTO: Santi Alvite
A iniciativa na que toma parte a USC como integrante do Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia quere “transformar” o modelo de pago de licencias por “ler” ao pago por “ler e publicar en acceso aberto”
Lugo, Santiago de Compostela

O Consorcio Interuniversitario do Sistema Universitario de Galicia (CISUG), constituído por USC, UDC, UVigo e Xunta de Galicia, acaba de asinar os seus primeiros acordos transformativos coas editoriais Cambridge University Press e Oxford University Press. Este novo tipo de acordos con editoriais científicas van dirixidos a “transformar” o modelo de pago de licencias por “ler” ao pago por “ler e publicar en acceso aberto”. O obxectivo final de publicar os resultados da investigación científica nas universidades en modo de acceso libre é o de contribuír ao crecemento económico, á competitividade, á innovación, á creación de traballo e ao progreso da sociedade en xeral mediante un novo modelo de facer e difundir a ciencia.

Os dous acordos permiten dispoñer de acceso de lectura a todas as revistas de ambas as dúas editoriais, ampliando no seu caso a lista de títulos dispoñibles anteriormente,  ao tempo que habilita a publicación en acceso aberto sen custo adicional cando o autor de correspondencia sexa dunha das tres universidades galegas. 

En canto á publicación, non será necesario que os investigadores paguen o importe do ‘Article Procesing Charge’ para publicar os seus artigos en acceso aberto nas revistas científicas que aceptan este tipo de publicación, tanto nas revistas de acceso aberto completo (Fully Open Access) coma nas revistas que o ofrecen coma opción (Híbridas). Porén, no caso de Oxford establécese unha limitación no número de artigos incluídos no acordo, o cal manterase en  vigor para artigos publicados a partir do 1 de xaneiro de 2021 e ata o 31 de decembro do mesmo ano. No seguinte enderezo da Biblioteca Universitaria pódese acceder a mais información sobre este e outros acordos para publicar en aberto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.03.2021.