Ir o contido principal

O comité organizador do II Cumio Académico e do Coñecemento CELAC-UE reúnese na USC para planificar e definir os obxectivos deste encontro

O comité organizador do II Cumio Académico e do Coñecemento CELAC-UE reúnese na USC para planificar e definir os obxectivos deste encontro
O comité organizador do II Cumio Académico e do Coñecemento CELAC-UE reúnese na USC para planificar e definir os obxectivos deste encontro
Celebrarase en marzo de 2020 na USC coa participación de medio millar de representantes de universidades iberoamericanas e da UE para poñer en común estratexias de impulso da cooperación e o...
Lugo, Santiago de Compostela

O reitor da USC, Antonio López Díaz, e a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar Tojo, presidiron este venres a constitución do Comité Organizador do II Cumio Académico e do Coñecemento da comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños e a Unión Europea (CELAC-UE), que terá lugar os días 26 e 27 de marzo do próximo ano 2020 en Santiago.

A de hoxe é a primeira das reunións de traballo para abordar a celebración deste evento internacional que suporá a chegada de arredor de 500 participantes de universidades iberoamericanas e da Unión Europea para debater e poñer en común estratexias de impulso da cooperación e o desenvolvemento inclusivo da educación superior, cun acceso equitativo e de calidade, facilitando o intercambio de coñecementos e a transferencia de tecnoloxías.

A xuntanza celebrada este venres na USC serviu para traballar na planificación e definición dos obxectivos deste Cumio que, como se puxo de manifesto, debe ser un espazo de traballo bidireccional arredor da educación superior, a ciencia, a tecnoloxía e a innovación. Así, constitúe unha plataforma única para avanzar na construción do Espazo Común Euro-Latinoamericano e Caribeño neste eidos, permitindo ao tempo profundar no diálogo co mundo universitario e científico. Neste senso, o comité organizado debateu sobre a definición de catro eixos temáticos que vertebrarán o programa: a construción dese Espazo de Educación Superior Euro-Latinoamiercano e Caribeño; unha Universidade comprometida coa Axenda 2030; Ciencia, Tecnoloxía e Innovación para a Sustentabilidade; e o reto da transformación dixital da educación superior.

A USC será a anfitrioa académica e local, así como a institución responsable da organización do cumio, no que ademais da Xunta, tamén colaboran as universidades da Coruña e de Vigo, o Consello Universitario CELAC-UE, a Secretaría Xeral Iberoaméricana (SEGIB) e o Consello Universitario Iberoamericano (CUIB).

Na xuntanza tamén participaron o reitor da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa; o secretario executivo do Consello Universitario CELAC-UE, Félix García Lausín; a secretaria xeral da CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas), Teresa Lozano; e asistentes internacionais como o reitor da Universidade do Salvador, Roger Arias; e representantes do Espazo latinoamericano e Caribeño de Educación Superior (ENLACES), da Asociación Nacional de Universidades e Institucións de Educación Superior de México, do Consello Superior Universitario Centroamericano (CSUCA) e da Unión de universidades de América Latina e do Caribe (UDUAL).

A Consellaría de Educación achega un total de 352.900 euros para financiar o desenvolvemento deste encontro que organiza a USC. A celebración deste II Cumio Académico e do Coñecemento CELAC-UE en Santiago de Compostela foi acordada en outubro de 2017 no marco do Consello Universitario desta entidade na Conferencia anual da Asociación Nacional de Universidades e Institucións de Educación Superior de México (ANUIES) celebrado en Guadalaxara (México); e que contou co visto e prace das tres universidades do SUG.

A Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC) é un instrumento intergubernamental de diálogo e concertación política, integrado por países de América Latina e o Caribe, que ten entre as súas atribucións a interlocución e diálogo coa Unión Europea.

Os cumios CELAC-UE reúnen os dirixentes europeos, latinoamericanos e caribeños co obxecto de fortalecer as relacións entre ambas rexións a través de foros de diálogo e cooperación entre os Estados da UE e América Latina e o Caribe. Na súa primeira edición na Universidade do Salvador en 2017, os acordos alcanzados quedaron plasmados na Declaración de San Salvador, onde se recolle o ofrecemento do goberno galego como anfitrión do II Cumio Académico e do Coñecemento CELAC-UE.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2019.