Ir o contido principal

A Conferencia sobre Innovación e Economía Circular pecha o prazo para envío de comunicacións o 13 de decembro

O foro abordará novas formas de satisfacer as necesidades sociais sobre bases sustentables
Santiago de Compostela

A USC impulsa entre o 26 e o 27 de marzo de 2020 a International Conference on Innovation and Circular Economy, cuxo prazo para o envío de comunicacións finaliza o vindeiro 13 de decembro. O Congreso está organizado polo grupo de investigación en Innovación, cambio estrutural e desenvolvemento da USC e a Réseau de Recherche sur l’Innovation. O obxectivo deste congreso internacional é, tendo en conta o contexto de cambio climático, crise medioambiental e de crecente presión sobre os recursos estratéxicos, comprender o papel da innovación no apoio á transición a unha economía circular.

O foro abordará a forma en que a economía circular apoia e fomenta novas solucións no eido da produción e do consumo, dando lugar a novas actividades e novas formas de satisfacer as necesidades sociais sobre bases sustentables. Entre as temáticas que pretende abordar este congreso destacan a definición e medición da innovación no campo da economía circular e os seus impactos económicos, sociais e medioambientais; a implementación da economía circular no ámbito da empresa e a nivel territorial e as políticas públicas nacionais e rexionais de apoio á innovación na economía circular. Un comité científico internacional coordinado por Xavier Vence e Blandine Laperche realizará a selección das comunicación que serán defendidas nas sesións do congreso. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2019.