Ir o contido principal

O Consello de Goberno establece criterios “flexibles e adaptativos” para regular as prácticas

Alumnado en Campus. Foto: Santi Alvite
O acordo aprobado afecta tanto a prácticas curriculares como extracurriculares. Foto: Santi Alvite
Na reunión deste venres tamén se deu luz verde a diversos puntos que buscan optimizar o funcionamento das infraestruturas necesarias para o desenvolvemento da investigación na USC
Lugo, Santiago de Compostela

“Flexibles e adaptativos”, así serán os criterios  xerais para todo o sistema de prácticas da USC  que o Consello de Goberno aprobou este venres a través do acordo sobre a adaptación da organización e avaliación das prácticas  académicas  externas  para o curso 2020-21. A finalidade deste documento é a de preservar a consecución dos obxectivos formativos contemplados nas memorias das titulacións, “garantindo o seu rigor e calidade”. Así, con carácter xeral todas as prácticas, curriculares ou extracurriculares, poderán desenvolverse parcialmente por medios non presenciais non podendo superar a modalidade en remoto o 50% do tempo total. No caso de que as prácticas obrigatorias non poidan desenvolverse no período ordinario, posibilitarase a oferta das mesmas nos dous cuadrimestres, así como que poidan realizarse en períodos non lectivos. O período de prácticas neste suposto esténdese ata o 30 de setembro de 2021.

Apoio á investigación

O regulamento da Área de Infraestruturas de Investigación da USC, tamén aprobado este venres, será unha ferramenta para optimizar o funcionamento das infraestruturas necesarias para o  desenvolvemento da investigación, así como incrementar e mellorar as prestacións e rendibilidades dos investimentos feitos na adquisición  de  grandes  equipamentos,  mediante a racionalización do seu réxime de explotación. Ademais, esta Área será dotada de novas formas de apoio á investigación a través da incorporación de coñecementos, tecnoloxías ou instrumentación de grupos da USC a través de Plataformas Científico-Tecnolóxicas.

En relación a estas últimas, o Consello aprobou ademais o documento que regulará a creación, modificación e supresión destas plataformas, coa intención de profundar na actualización do modelo de organización da investigación da USC e así maximizar a calidade da súa produción científica e o impacto que esta pode xerar en favor da sociedade.

Tamén no ámbito da investigación, abordouse a supresión dos institutos de Ciencias Neurolóxicas, de Investigacións Ortopédicas, de Farmacia Industrial e de Dereito Industrial, dando por concluído o proceso estratéxico de avaliación dos institutos de investigación. Da mesma avaliación, derivou a transformación do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas no de Tecnoloxía Ambiental, iCRETUS; e do de Investigación e Análise Alimentaria que pasará a ser de Análises Químicas e Biolóxicas, IAQBUS. No ámbito da investigación, o órgano colexiado aprobou tamén o regulamento para a creación e funcionamento de Centros Singulares de Investigación.

Persoal

O Consello tratou tamén a proposta de actuacións en materia de PDI para acometer no presente curso as previsións contidas no Plan Plurianual de profesorado 19-20. Esta proposta inclúe a creación de cinco prazas de profesorado axudante doutor e doutras sete de profesorado asociado.

Outra das cuestións abordadas na xuntanza foi o regulamento de selección de Persoal de Administración e Servizos (PAS) funcionario que dotará á USC de instrumentos xurídicos eficaces que lle permitan contar  cos medios humanos máis adecuados para a consecución dos seus obxectivos, e ao tempo favorecer un entorno de traballo motivador para que o persoal empregado público poida acceder á promoción interna e ao desenvolvemento  profesional. Nesta mesma liña, tamén se aprobou o regulamento de mobilidade do PAS funcionario e a modificación da RPT de PAS, asociada a cal se tratou a unificación das categorías Oficial de Servizos e Auxiliar Técnico Informático.

A orde do día desta xuntanza do Consello de Goberno completouse coa memoria do mestrado en Novas Estratexias e Tecnoloxías en Marketing e Comunicación Política para a súa implantación no curso 21/22, a venda da participación da USC na Sociedade para a promoción de Iniciativas Empresariais Innovadoras (Uninova) ou a creación da Cátedra institucional de Neurorradioloxía Intervencionista, entre outras cuestións.

 

A xornada celebrouse no CEA. Foto: Santi Alvite
Na sesión celebrada no CEA tamén se trataron diversas cuestións en materia de investigación e recursos humanos. Foto: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.11.2020.