Ir o contido principal

Os Consellos Sociais da USC e da UDC clausuraron a terceira edición de AddVenture

Foto do estudantado que realizou en presencial a presentación final dos proxectos e autoridades presentes na apertura desta xornada final
Foto do estudantado que realizou en presencial a presentación final dos proxectos e autoridades presentes na apertura desta xornada final
O acto de peche deste programa de emprendemento universitario reuniu o estudantado, persoal experto e representantes institucionais

Os Consellos Sociais da Universidade da Coruña (UDC) e da Universidade de Santiago (USC) clausuraron no Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) a terceira edición de AddVenture, o programa de emprendemento e innovación que desde 2021 ten formado máis de 80 persoas e impulsado preto de 40 proxectos. 

A presentación final dos traballos desenvolvidos polo estudantado serviu como punto culminante dunha xornada que tamén contou cun espazo de networking liderado por Gala Freixa, cofundadora de Sheedo, e coa participación de representantes destacados do ámbito universitario e empresarial galego.

Compromiso para formar emprendedores desde a universidade

Na súa intervención, o presidente do Consello Social da UDC, Antonio Abril Abadín, subliñou o papel clave da universidade como espazo de xeración de coñecemento e tamén de emprendemento: “AddVenture naceu cun propósito claro, fomentar o emprendemento desde o ámbito universitario e ofrecer a titulados, profesionais e pequenas empresas un espazo para transformar ideas en proxectos con valor engadido para a sociedade. Hoxe podemos afirmar con orgullo que ese propósito se cumpriu”. Abril destacou a colaboración do Consello Social da USC e de TeamLabs, laboratorio de aprendizaxe da Universidade de Mondragón, e lembrou as palabras do embaixador Alan Solomont sobre a importancia de converter coñecemento en industria e talento en impacto: “O verdadeiro motor dunha economía non é só a innovación, senón a capacidade de converter ideas en empresas e acompañalas. De aí a importancia de iniciativas como AddVenture, que ofrecen formación práctica, comunidade e acompañamento”.

Pola súa parte, a secretaria do Consello Social da USC, Marta Villamayor, sinalou que esta é a primeira edición na que participan como coorganizadores e que o fan “convencidos de que o emprendemento non é algo accesorio, senón unha extensión natural da formación universitaria cando se formula con ambición e compromiso”. Engadiu que “AddVenture encarna valores como a empregabilidade e o talento novo”. A secretaria do Consello Social da USC salientou tamén que os Consellos Sociais “temos a responsabilidade de contribuír a que o ecosistema universitario favoreza a iniciativa, o risco razoado e a creación de valor.” “Porque preparar ao estudantado para o mundo que vén non é so ofrecer coñecementos, senón tamén xerar oportunidades reais para aplicalos con autonomía e sentido”, engadiu.

Networking con experiencias inspiradoras

Tras a defensa dos proxectos, celebrouse unha sesión de networking coa emprendedora Gala Freixa, cofundadora de Sheedo e integrante da lista Forbes 30under30, quen compartiu a súa experiencia na creación dunha marca sostible que converte as ideas en produtos reais. O intercambio permitiu ás persoas participantes ampliar contactos e coñecer de primeira man as claves do márketing sostible e do emprendemento con impacto. A xornada finalizou coa entrega de diplomas ao estudantado da terceira edición de AddVenture.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.07.2025.