Constituído o Claustro Universitario

Logo das eleccións celebradas o pasado 23 de febreiro, o Claustro Universitario quedou constituído este venres 8 de abril nunha sesión extraordinaria que se desenvolveu na Facultade de Dereito e na que se elixiron os membros da Mesa e da Comisión Electoral Central. A Mesa quedou conformada por Matilde Casas Parada, José Manuel Cifuentes Martínez, María Jesús Giráldez Fernández, Rita Gradaille Pernas, Javier Gutiérrez Carou e Sonia Esperanza Rodríguez Boente como representantes do profesorado doutor con vinculación permanente (sector I). Polo sector doutros colectivos docentes (sector II) foron elixidos Lucrezia Lopez e Francisco Javier López González. Polo do estudantado (sector III) resultaron electos Lucía Mesías de Concepción, Manuel Veiga Cainzos e Hugo Carreira Rial, e polo do PAS (sector IV), Jesús Lamas Alvariño. Preside a mesa o reitor Antonio López, ocupando a súa secretaría a secretaria xeral da USC, Dulce García Mella. En concreto integran o Claustro Universitario un total de 280 membros logo de rexistrarse catro vacantes no sector I e dezaseis, no sector III.
Na conformación da Comisión Electoral Central (CEC), o sector I está integrado por Mario Cal Varela, Emilio Carral Vilariño, Ángel García Vidal, Antonia Nieto Alonso, María da Alba Nogueira López e Francisco Javier Otero Espinar. Iago Castro Táboas e Alicia Villalba Sánchez integran o sector II da CEC, mentres que Laila Al-Soufi Novo representa o sector III e María dos Anxos Cabado Lourés foi elixida no seo do sector IV. Ademais, o reitor delegou a presidencia no profesor Fernando Vázquez-Portomeñe Seijas mentres que a secretaría está ocupada pola secretaria xeral da USC, Dulce García Mella.
A continuación, xa en sesión ordinaria, o Claustro elixiu representantes no Consello de Goberno e integrantes das distintas comisións: Actividades Culturais, Asuntos Económicos, Titulación e Ordenación Docente, Investigación, Normalización Lingüística, Asesoramento e Axuda ao Valedor, Reclamacións e Desenvolvemento Estatutario.
Informe do reitor
No apartado destinado ao informe do reitor, Antonio López comezou a súa intervención referíndose á guerra en Ucraína, lembrando que xa dende os seus inicios a institución compostelá asinou os manifestos de condena impulsados por CRUE Universidades Españolas e polo Grupo Compostela. Dende o primeiro momento, “contactamos co noso alumando Erasmus nos países próximos e puxémonos ao seu dispor”, dixo. Ademais, o reitor avanzou a posibilidade de traballar en futuras estadías para alumnado procedente de Ucraína que queira desenvolver unha tese de doutoramento. Nesta liña, Antonio López lembrou tamén que a USC está a cooperar coas administracións competentes na procura de aloxamento para as persoas desprazadas ou, a través do Centro de Linguas Modernas, na súa formación en novas competencias lingüísticas.
a través do Centro de Linguas Modernas está a colaborar na formación de persoas refuxiadas en Galicia ou mesmo contribuíndo na busca de aloxamento.
O informe do reitor tamén se detivo no novo Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia que se estenderá entre os anos 2022 e 2026 e que supón un incremento do 6% conformando “un paso adiante positivo”. Neste senso, Antonio López puxo o foco en que esta nova folla de ruta “abre novas vías de financiamento basal da investigación”, máis alá das fórmulas dependentes de subvencións que se viñeran desenvolvendo ata o de agora. Ademais, de xeito paralelo a este plan, “imos negociar un plan complementario para infraestruturas”, engadiu, que permitirá facer fronte a investimentos futuros.
A reforma laboral recentemente aprobada e, con ela, a desaparición dos contratos por obra e servizo foi outros dos puntos nos que profundou Antonio López. O reitor explicou como esta medida afecta a unha “peza crucial a nivel cualitativo e cuantitativo” para a Universidade como é o caso da investigación. López sinalou que a aplicación na USC do novo marco laboral foi obxecto de múltiples reunións nos últimos tempos coa parte da comunidade universitaria afectada e que abrangue a unhas 700 persoas. Neste senso e como resultado desas reunións, a USC opta pola “contratación indefinida por plan ou programa” para loitar contra a precarización e fomentar a estabilidade do persoal investigador.
No capítulo dedicado á oferta docente, Antonio López lembrou que o vindeiro curso comezará a impartirse o novo grao en Intelixencia Artificial, conxunto coas outras universidades galegas e coordinado dende a USC. “Santiago foi pioneira ao elaborar unha proposta”, afirmou o reitor, quen lembrou que no vindeiro ano académico tamén bota a andar o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, impartido no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, novo centro adscrito á Universidade.
O reitor agradeceu o esforzo á comunidade universitaria polo traballo conxunto nos “difíciles tempos” da pandemia e aproveitou tamén para lembrar o nomeamento como doutora Honoris Causa de Emilia Casas, a segunda muller que recibe esta distinción por parte da USC despois de Nélida Piñón. López destacou que cara a fins deste mes celebrarase unha nova sesión do Claustro na que se presentarán as liñas xerais dos orzamentos e o informe do Valedor. Xa no outono, o Claustro Universitario debaterá a programación plurianual e as liñas xerais para os orzamentos de 2023.



