Ir o contido principal

Convocado o primeiro Premio a TFG e TFM para a mellora da calidade de vida das persoas maiores

Por cada un dos cursos académicos avaliados outorgarase un premio ao mellor TFM e outro ao mellor TFG. FOTO: web cátedra Cruz Roja
Por cada un dos cursos académicos avaliados outorgarase un premio ao mellor TFM e outro ao mellor TFG. FOTO: web cátedra Cruz Roja
É unha convocatoria promovida pola Cátedra USC ‘Cruz Roja Española para a mellora da calidade de vida das persoas maiores’ dirixida a traballos realizados nos cursos 20/21 e 21/22
Santiago de Compostela

A Cátedra USC ‘Cruz Roja Española para a mellora da calidade de vida das persoas maiores’ convoca a primeira edición do Premio a Traballos Fin de Grao e Fin de Mestrado para a mellora da calidade de vida das persoas maiores. A esta convocatoria poderán concorrer estudantes que teñan defendido o seu TFG ou TFM durante os cursos 20/21 o 21/22 e no que se estuden ou analicen aspectos da calidade de vida ou do benestar en persoas adultas maiores (por exemplo, economías, saúde ou relacións e integración social, entre outros). Estes traballos deberán contar cunha cualificación mínima de 8 puntos ante a comisión de avaliación e non ter sido premiados con anterioridade en certames de institucións, fundacións ou cátedras nos que se premie a excelencia académica ou investigadora.

O prazo de presentación permanecerá aberto ata o 10 de outubro, trámite para o que as persoas interesadas deberán presentar unha solicitude xeral no rexistro electrónico dirixido á Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade.

O xurado encargado da avaliación das candidaturas estará formado polo vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, o director e o co director da Cátedra e, se se estima oportuno, dúas persoas máis en calidade de asesores/as. O xurado terá en consideración como criterios de valoración a achega significativa dos traballos ao coñecemento da materia estudada (30% da nota), a calidade da súa metodoloxía (30%), a actualidade e orixinalidade do traballo (20%), as calidades formais do texto (10%) e a relevancia e actualidade das referencias bibliográficas (10%).

Por cada un dos cursos académicos avaliados outorgarase un premio ao mellor TFM e outro ao mellor TFG, dotados economicamente con 500 e 300 euros respectivamente, así como un diploma acreditativo de accésit honorífico aos traballos de grao e mestrado que accedan á puntuación inmediatamente anterior á obtida pola proposta gañadora en cada modalidade e ano académico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.03.2022.