Ir o contido principal

Convócase a primeira edición do concurso de TFG e TFM presentados nas titulacións do Campus de Lugo

A convocatoria mantén aberto o prazo de recepción de solicitudes do 1 ao 31 de outubro. Foto: Santi Alvite
A convocatoria mantén aberto o prazo de recepción de solicitudes do 1 ao 31 de outubro. Foto: Santi Alvite
O certame premia traballos con vinculación ou posibilidade de aplicación nas instalacións deportivas do Concello de Lugo
Lugo

A USC lanza a primeira edición do concurso de Traballos Fin de Grao (TFG) e Traballos Fin de Mestrado (TFM) presentados nas titulacións do Campus de Lugo. A convocatoria que xorde co apoio do Concello de Lugo mantén aberto o prazo de recepción de solicitudes do 1 ao 31 de outubro. Este certame ten como obxectivo premiar a calidade e a innovación de proxectos académicos aplicables ás instalacións deportivas municipais, tanto na súa mellora como na proposta de novas infraestruturas.

Tanto para TFG como para TFM, establécense tres premios de 3.000, 2.500 e 2.000 euros, alén do correspondente diploma acreditativo. O xurado estará composto polo alcalde do Concello de Lugo, o vicerreitor de Organización Académica e Campus de Lugo, un decano/a ou director/a de centro do Campus de Lugo, o concelleiro de Xuventude e Deportes do Concello de Lugo e o adxunto á Vicererreitoría de Organización Académica e Campus de Lugo, que actuará como secretario.

O xurado cualificador valorará que os traballos estean ben definidos, especificándose claramente o obxectivo, condicionantes a considerar na fase de deseño, sintetizando claramente as solucións adoptadas, os métodos de cálculo utilizados e os resultados finais obtidos (4 puntos); a viabilidade da súa aplicación nas instalacións deportivas presentes ou futuras do Concello de Lugo (3 puntos); a innovación, orixinalidade e progreso tecnolóxico (2 puntos); así como a viabilidade económica (1 punto).

O ditame do xurado e a entrega de premios darase a coñecer no acto público que para tal ocasión terá lugar o 28 de novembro ás 12.00 horas no salón de plenos do Concello de Lugo, e que é de asistencia obrigatoria para as persoas participantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.09.2025.