Ir o contido principal

Convócase a primeira edición dos premios á ‘Mellor Iniciativa Empresarial USC’

Premios Mellor Iniciativa Empresarial USC
Premios Mellor Iniciativa Empresarial USC
Promovida pola Universidade de Santiago en colaboración co Banco Santander, a convocatoria diríxese a proxectos empresariais e Start-up creadas nos últimos 2 anos que recibiran apoio da Universidade e a Empresas de Base Tecnolóxica da USC

A Universidade de Santiago de Compostela en colaboración co Banco Santander convoca a primeira edición dos premios á ‘Mellor iniciativa empresarial USC’, cos que se quere recoñecer as iniciativas emprendedoras creadas ao abeiro da USC.  

A esta convocatoria poderán concorrer Empresas de Base Tecnolóxica da USC participadas por esta entidade,  proxectos empresariais e empresas Start-up creadas nos últimos 24 meses que recibiran apoio dalgún dos programas de axuda á creación empresarial desta universidade.

A presentación de candidaturas debe realizarse a través do formulario en liña creado para a ocasión e o prazo remata o 26 de novembro ás 23.59 horas.

O comité avaliador das propostas estará integrado polo director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento (AVTE) da USC e por persoas representantes do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), da Axencia Galega de Innovación (GAIN) e do Banco Santander.  No seu ditame terán en conta a viabilidade económica e financeira do proxecto, o grao de innovación do produto, proceso ou servizo, a capacidade de xeración de emprego da iniciativa, o carácter multidisciplinar do equipo promotor e as  políticas de igualdade na actividade da empresa. Ademais, no caso das Iniciativas Empresariais de Base Tecnolóxica valorarase o grao de consolidación da empresa, a introdución de produtos ou servizos innovadores e o impacto da empresa na USC, medida pola súa participación conxunta en proxectos europeos, contratos de I+D ou doutoramentos industriais, entre outros factores.

As bases completas da convocatoria poden ser consultadas en liña na web do evento.

Concederanse tres galardóns dotados cun importe de 1.000 euros que premiarán a mellor Empresa de Base Tecnolóxica, a mellor EBT de recente creación e a mellor Start-up.

Cada iniciativa empresarial participante poderá recibir como máximo un premio e o comité avaliador poderá outorgar distincións ás empresas e proxectos que sexan merecedores de recoñecemento. A organización resérvase o dereito a declarar desertos un ou máis premios se os proxectos participantes non reúnen as condicións necesarias para seren premiados.

A entrega de premios efectuarase nun acto institucional no que tamén se outorgará un certificado acreditativo a todas as empresas e iniciativas participantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.11.2021.