Ir o contido principal

A dimensión internacional da investigación, a reputación académica e a sustentabilidade sitúan a USC entre as mellores universidades do ránking QS

A USC destaca pola súa reputación académica. FOTO: Santi Alvite
A USC destaca pola súa reputación académica. FOTO: Santi Alvite
A Universidade de Santiago de Compostela ascende ao chanzo 701-710 no marco desta clasificación na que se avaliaron 2.963 institucións de 104 localizacións en todo o mundo
Lugo, Santiago de Compostela

O QS World University Rankings 2024 volve situar a USC entre as mellores universidades do mundo ao ascendela ao chanzo 701-710 logo de avaliar un total de 2.963 institucións de 104 localizacións, 35 delas en España. Na edición 2023, a Universidade de Santiago de Compostela ocupara o posto 751-800. En concreto, a USC destaca nos eidos correspondentes a participación en redes internacionais de investigación, reputación académica e sustentabilidade.

Para a elaboración desta listaxe, a puntuación confórmase medindo a reputación a través dunha sondaxe deseñada para avaliar as percepcións de persoas académicas de todo o mundo (30% da puntuación total); o número medio de citas obtidas por cada membro da institución (20% da nota global); a percepción dos e das empregadoras sobre que institucións están subministrando persoas graduadas mellor preparadas (15%); a ratio entre o número de persoal académico e estudantado xa que un maior número de académicos/as por estudante reflicte o compromiso de cada universidade coa docencia e a aprendizaxe (10%); a proporción de profesorado internacional, indicio de que a institución posúe unha reputación capaz de atraer persoal de fóra (5%); a participación en redes internacionais de investigación (5%); a proporción de estudantado internacional (5%); e o nivel de sustentabilidade (5%).

Clasificación por materias

En marzo deste ano, QS publicou tamén a súa clasificación por eidos específicos. Ciencias Naturais é a área de coñecemento na que máis destaca a USC segundo a edición 2023 do QS World University Ranking por materias. En concreto, a institución compostelá ocupa o chanzo 306, mentres que o ano pasado situábase no 344. Séguenlle Artes e Humanidades (337 fronte ao posto 374 da pasada edición), Ciencias da Vida e Medicina (348 fronte ao chanzo 379 do ano 2022) e Ciencias Sociais (intervalo 501-530). En total, a USC destaca en 16 materias distribuídas por todas as áreas de coñecemento.  

En Ciencias Naturais, as materias máis destacadas son Química, Ciencias Medioambientais e Física e Astronomía (todas elas no intervalo 301-350), xunto con Matemáticas (posición 401-450). Historia (201-230), Arqueoloxía (201-240), así como Lingüística, Lingua e Literatura Inglesas e Linguas Modernas (as tres materias ocupan o chanzo 201-250) son os eidos destacados en Arte e Humanidades.

En Ciencias da Vida e Medicina, a USC destaca en Farmacia e Farmacoloxía (101-150), Agricultura e Forestais (251-300), Medicina (301-350) e Ciencias Biolóxicas (351-400). 251-300 é o intervalo que a institución compostelá ocupa en Dereito, materia máis destacada en Ciencias Sociais. A continuación, séguenlle Educación (301-350) e Economía e Econometría (451-500). Finalmente, xa na área de Enxeñaría e Tecnoloxía, a USC destaca en Enxeñaría Química ao ocupar o banzo 201-250.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.06.2023.