DivulgaTerra 2019 presenta este xoves pescudas do Campus de Lugo ligadas coa ciencia e a tecnoloxía na Casa do Saber

O evento de divulgación científica DivulgaTerra, unha iniciativa orientada a dar a coñecer o traballo desenvolvido polas investigadoras e investigadores do Campus Terra da USC, ademais de potenciar e poñer en valor o galego como lingua da comunicación científica, celebra este xoves 21 de novembro, a partir das 19.00 horas, no auditorio da Casa de Saber de Lugo, a sesión de clausura desta edición cun novo faladoiro de divulgación científica arredor de pescudas ligadas aos ámbito das artes, humanidades e ciencias sociais, no que intervirán seis investigadores en formación e docentes da USC.
O relatorio ‘Epi... que? Descubrindo o noso pasado romano a partir da epigrafía’, a cargo da profesora do Departamento de Historia da USC e directora científica do Museo Universitario A Domus do Mitreo, María Dolores Dopico Caínzos, servirá de colofón desta derradeira sesión do DivulgaTerra 2019, un ciclo promovido en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística da USC.
A mocidade investigadora tamén será protagonista neste espazo de debate e divulgación científica en lingua galega. Así, o terceiro dos faladoiros nos que se estrutura DivulgaTerra 2019 dará voz este xoves a Daniel Manuel Vázquez Vila, Tahís Helena Teixeira e Marcos Gerardo Calles Lombao, investigadores novos todos eles que ofrecerán charlas con títulos suxestivos, como o son ‘ Migrantes, fronteiras e pantallas: unha reflexión de como se mostran os movementos migratorios no cinema’, ‘Viver e defender o Cerrado: o caso dos geraizeiros do norte de Minas Gerais, Brasil’ ou ‘ As orixes do seminario da diocese de Lugo (1575-1600): De Fernando de Vellosillo a Pedro Castro’.
A quenda de intervencións breves desta xornada de peche do ciclo Divulgaterra 2019 Petiscos de divulgación inclúe asemade unha charla sobre a educación vogal como proceso transversal na educación para a saúde, a cargo de Lucía Casal de la Fuente, e un relatorio de Tamara González López co título ‘Nacieron dos de un vientre”: partos múltiples nos séculos XV-XIX’.