Ir o contido principal

Edicións USC participa na SELIC con corenta títulos editoriais de diversas coleccións e temáticas

A Universidade, a través da súa editora, Edicións USC, achega corenta títulos editoriais de diversas coleccións  e temáticas, como mostra da importante contribución da Universidade ao sector local do libro. FOTO: Santi Alvite
A Universidade, a través da súa editora, Edicións USC, achega corenta títulos editoriais de diversas coleccións  e temáticas, como mostra da importante contribución da Universidade ao sector local do libro. FOTO: Santi Alvite
A Semana do Libro de Compostela desenvólvese ata o 12 de outubro na Praza da Quintana

Canda 24 editoras, librarías, bibliotecas e institucións da cidade de Santiago, Edicións USC participa unha vez máis na oitava edición da Semana do Libro de Compostela, SELIC 2025, organizada pola Concellaría de Capital Cultural do Concello de Santiago, que vai ter lugar ata o 12 de outubro e que este venres 3 inicia a súa actividade. 

A Universidade, a través da súa editora, Edicións USC, achega corenta títulos editoriais de diversas coleccións  e temáticas, como mostra da importante contribución da Universidade ao sector local do libro. Neste sentido, o director de Edicións USC, Juan L. Blanco Valdés, cre que a Semana, que se desenvolve no corazón da cidade, “é un escaparate inmellorable para a difusión e coñecemento público dun sector como o editorial e libreiro da cidade que segue mostrando un potente músculo tanto na variedade dos contidos e temáticas como na profesionalidade e calidade das formas editoriais”. 

Compostela lectora

A SELIC botou a andar en 2017, na praza da Quintana, co obxectivo de reunir nun deseño expositivo alternativo e diferente ao das tradicionais feiras do libro, as editoras, tanto privadas como institucionais, librarías e bibliotecas, que representan unha significativa mostra do puxante sector do libro de Santiago. Como novidade, este ano o evento muda ao outono a que, ata o momento, fora a tradicional data de celebración na primavera.

A SELIC decorre este ano baixo o lema Compostela lectora, Compostela de libro e, presentándose como un festival para gozar sen présas, ofrece en dez días un dinámico e moi variado programa de actividades, que inclúe presentacións, conversas, contacontos, lecturas, concursos, obradoiros, dramatizacións, sinatura de libros, rutas e paseos culturais pola cidade, entre outros. Trátase dunha axenda que, para alén dos actos convencionalmente asociados ás feiras do libro, pon o foco en que os libros estean editados na propia cidade, con agarimo e rigor, como unha excelente produtora de libros e unha cidade lectora que comparte os seus descubrimentos librescos. 

Imaxe oficial da SELIC
Imaxe oficial da SELIC
Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.10.2025.