Estudantes de Ciencias da Educación da USC entregan en Aspaber novos materiais didácticos accesibles deseñados para persoas con TEA
O estudantado da Facultade de Ciencias da Educación entregou esta semana os primeiros materiais didácticos elaborados no marco do proxecto anual de Aprendizaxe-Servizo (ApS) en colaboración coa Asociación Aspaber (Asociación de Padres de Discapacitados Psiquicos de Bergantiños). A iniciativa, que este curso amplía o seu alcance e número de materias implicadas, centra o seu traballo no deseño de recursos accesibles, inclusivos e orientados de maneira específica a persoas con Trastorno do Espectro do Autismo (TEA).
A entidade colaboradora, Aspaber, compartirá os materiais coa Asociación San Xerome Emiliani e cos Colexios Rurais Agrupados (CRA) da contorna de Carballo, ampliando o impacto e utilidade real do proxecto.
Este proxecto consolida unha liña de colaboración estable entre a USC e entidades sociais da contorna, combinando a aprendizaxe académica coa prestación dun servizo real á comunidade. A súa dimensión anual permitirá que, ademais da entrega deste primeiro semestre, no segundo se incorporen novos materiais elaborados polo alumnado da materia de Tecnoloxía Educativa do Grao en Pedagoxía (3º curso).
Neste primeiro semestre participaron estudantes de Deseño e elaboración de materiais didácticos (4.º dos Graos en Mestre de Educación Infantil, Educación Primaria e Dobre Grao) e Deseño e avaliación de materiais didácticos (4.º de Pedagoxía). O profesorado responsable está formado por Jesús Rodríguez Rodríguez, Carmen Fernández de la Iglesia, Pablo Gayo Pérez e Silvia López Gómez.
Especialización dos materiais
A principal novidade respecto a edicións anteriores é a especialización dos materiais no ámbito do TEA, colectivo que presenta necesidades singulares de comunicación, anticipación, sensibilidade sensorial e estruturación da contorna. A súa prevalencia estimada de 1 de cada 100 persoas (máis de 27.000 en Galicia) fai que a creación de recursos creados dende as súas características sexa unha prioridade educativa e social.
Traballar para atender estas necesidades repercute ademais na creación de materiais máis accesibles para outros perfís de diversidade, favorecendo así a accesibilidade universal e a aplicación dos principios do Deseño Universal para a Aprendizaxe (DUA). Este ano tamén se incorpora unha perspectiva de xénero e a posibilidade de integración en contornas dixitais grazas á materia de Tecnoloxía Educativa.
Numerosos recursos
Algúns recursos elaborados polo estudantado de Pedagoxía na Materia de Deseño e Avaliación de Materiais Didácticos, e dirixidos a persoas usuarias de Aspaber maiores de 16 anos, son o libro sensorial ‘Conociéndote’, a guía da aplicación AutistApp, o xogo de mesa ‘O Semáforo do Consentimento’ as instrucións ‘CamaFácil’, a revista gráfica Visita ao dentista. Os empastes, o cómic ‘Imos vacinarnos!’, a guía para usar a app Sergas Móbil, o libro dixital O meu desexo de aniversario e os xogos ‘Monetea’ e ‘Asociando emocións!’.
Na materia de Deseño e Elaboración de Materiais Didácticos, os materiais elaborados sobre todo van dirixidos ao CRA de Carballo e alumnado de Educación Infantil e Primaria. Trátase da axenda dixital ‘O meu día no cole’, o recurso manipulativo ‘A Máquina Dinomulti, unha caixa de regulación emocional, o xogo ‘Afundir a frota matemático’ e outro xogo de mesa para a resolución de situacións escolares.
Este proxecto reforza o papel da universidade como axente social implicado na construción dunha contorna educativa verdadeiramente inclusiva. A colaboración con entidades como Aspaber permite que o estudantado universitario adquira competencias profesionais reais, ao tempo que se xeran recursos de alto valor social, especialmente en lingua galega, un ámbito no que segue existindo escaseza de materiais accesibles.