Ir o contido principal

O experimento LHCb no que participan científicos da USC cuestiona o Modelo Estándar de física de partículas

O achado fíxose público na conferencia Moriond
O achado fíxose público na conferencia Moriond
Os resultados que acaban de ver a luz céntranse na posible violación da universalidade do sabor do leptón que, de confirmarse, requiriría dun novo proceso físico, como a existencia de novas partículas ou interaccións fundamentais

O experimento Large Hadron Collider beauty (LHCb) do CERN, no que participan investigadores da USC a través do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), acaba de anunciar novos resultados que, de confirmarse, suxerirían indicios dunha violación do Modelo Estándar de física de partículas. Este Modelo predí que as desintegracións que involucran diferentes sabores de leptóns, deberían ocorrer coa mesma probabilidade, unha característica coñecida como universalidade do sabor de leptóns que xeralmente se mide pola relación entre as probabilidades de desintegración.

No Modelo Estándar de física de partículas, a relación debería ser moi próxima a un. A medición realizada pola colaboración LHCb compara dous tipos de desintegracións de quarks “b” (beauty). A primeira desintegración involucra ao electrón e a segunda ao muón, outra partícula elemental similar ao electrón, pero aproximadamente 200 veces máis pesada. O electrón e o muón, xunto cunha terceira partícula chamada tau, son tipos de leptóns e a diferenza entre eles coñécese como "sabores". Os resultados que acaban de ver a luz, de confirmarse, implicarían un novo proceso físico, como a existencia de novas partículas ou interaccións fundamentais. Ademais, os novos achados, presentados na conferencia Moriond sobre interaccións electrofebles e teorías unificadas, así como nun seminario celebrado en liña no CERN, a Organización Europea para a Investigación Nuclear, determinan a relación entre as probabilidades de desintegración con maior precisión que as medicións anteriores e utilizan todos os datos recompilados polo detector LHCb ata o de agora, por primeira vez.

Asemade, no marco da conferencia, tamén se presentaron novas medicións dunhas desintegracións raras de mesóns “b” que contan cunha participación importante de Paula Álvarez, investigadora da Universidade de Cambridge, quen fixo a súa tese no IGFAE e que agora coordina o grupo de Rare Decays (Desintegracións raras) do LHCb. A análise destas desintegracións é un vello coñecido do IGFAE, no que anteriormente estiveron moi involucrados os investigadores Diego Martínez Santos, Xabier Cid Vidal e Jose Ángel Hernando Morata e, actualmente, Titus  Mombacher.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.03.2021.