#GirlsInICT 2021: as investigadoras reivindican o labor da muller no eido tecnolóxico

“Non somos conscientes da cantidade de cousas que utilizamos a diario que foron creadas por mulleres”, sinala a investigadora do Centro Singular de Investigacións Intelixentes da Universidade de Santiago (CiTIUS) Eva Cernadas. “Esas cousas non estarían aí de non ser por elas, e este tipo de xornadas contribúen a reinvindicar o papel da muller na enxeñería e na informática”. A investigadora foi unha das protagonistas do Día Internacional das Nenas nas TIC, un evento promovido pola Unión Internacional das Telecomunicacións ao que o CiTIUS se suma un ano máis. Ao longo de dúas xornadas en liñas para alumnado de ensino non univertiario, as investigadores Eva Cernadas, Paula López e Andrea Cascallar puxeron en valor a investigación que desenvolven na actualidade como punto de partida para espertar o interese de nenas e mozas nas Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC).
Nestes encontros con alumnado de primaria e secundaria, Eva Cernadas compartiu cos máis novos as súas inquedanzas sobre a tecnoloxía, un eido que aínda hoxe “segue a ter unha percepción social moi masculina”, polo que considera de grande importancia “asociar esta área a valores como a creatividade, moi importantes en enxeñaría”.
As posibilidades dun píxel
Paula López, investigadora vinculada e directora adxunta do CiTIUS, propuxo unha charla centrada na física dos píxeles, concretamente sobre os procesos de captación dunha imaxe que acontecen nunha cámara. “Coido que é importante que as alumnas de ESO e Bacharelato tomen conciencia do gran número de oportunidades laborais no ámbito das TIC e, sobre todo, da importancia de poñer de manifesto a presenza feminina nestes ámbitos”.
A investigadora, que opina existe un estancamento na porcentaxe de mulleres que elixen carreiras técnicas, destaca a relevancia deste tipo de iniciativas divulgativas nestas etapas educativas. A estas idades xa se adoptan “as primeiras decisións na orientación dos estudos” que chegarán a condicionar o horizonte profesional.
Neste mesma liña, Andrea Cascallar, investigadores predoutoral, dirixiu a súa intervención a alumnado de Bacharelato e Formación Profesional. Na súa opinión é preciso desenvolver máis iniciativas para tratar de inverter a baixa porcentaxe de mulleres dentro das TIC. Sinala que “aínda que é moi valioso que se estean realizando este tipo de accións para dar visibilidade, coido que se debe profundar tamén nas causas reais da situación”. A posibilidade de mostrar o seu traballo a nenas e rapazas “é o mellor xeito de resultar unha área atractiva aos ollo doutras mulleres novas”, conclúe. Na súa edición 2021, o CiTIUS ofreceu un total de cinco encontros pensados para distintas idades, que incluían charlas e obradoiros adaptados aos diferentes niveis educativos.
