A Granxa do Campus Terra reforza a formación, a I+D e a transferencia da USC ao sector produtivo

O Campus de Lugo da USC reforza o seu potencial de formación, investigación e de transferencia de coñecemento ao tecido produtivo do sector primario coa posta en marcha dunha granxa experimental de vacún de leite, “unha infraestrutura fundamental” para o Campus Terra, segundo subliñou este martes o reitor da USC na inauguración desta instalación na finca Gayoso-Castro de Castro de Rei, nun acto no que o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, acompañado dunha ampla representación de deputados da corporación provincial e de alcaldes da provincia, salientou o carácter pioneiro e a relevancia que ten para a provincia e para o conxunto de Galicia este novo centro público que favorece a formación e a investigación sobre o sector lácteo.
A institución provincial destinou 1.250.000 euros para construír e dotar as instalacións da granxa experimental do Campus Terra, o 90% do investimento necesario, e asumirá ademais o 100% dos gastos de funcionamento, sinalou Tomé, para, de seguido, destacar que se trata dunha infraestrutura “de primeiro nivel no material, pero, sobre todo, no profesional”, na que se analizarán todos os parámetros e os problemas das explotacións gandeiras para despois ofrecerlle ao sector primario pautas de mellora e solución.
“Quixemos inaugurar agora, cando estas instalacións están cheas de vida e de actividade, e non antes, porque non ten ningún sentido inaugurar edificios baleiros, sen profesionais, sen xente que lle dea vida”, subliñou o mandatario provincial, para logo insistir en que “son os profesionais, o capital humano do alumnado do Campus de Lugo, o que dá valor e verdadeiro sentido e utilidade real a estas infraestruturas”.
Tomé Roca recalcou que a Unidade de Leite da Granxa Gayoso Castor da Deputación ten como obxectivo “poñer a formación, a investigación e a innovación ao servizo dos gandeiros e das gandeiras da provincia, de todo o sector primario, e do desenvolvemento do rural”. “A nosa meta é converter este centro naquilo para o que foi creado: un gran centro de formación, de investigación e de innovación do sector lácteo que contribúa a que as explotacións leiteiras da nosa provincia sexan máis rendibles e máis sostibles”, axudando a afrontar retos importantes, “como aumentar o valor do produto, reducir custes de produción e favorecer o benestar animal”.
A Granxa Experimental de Leite cubre ademais unha parte importante das prácticas da Facultade de Veterinaria e da Escola Politécnica Superior de Enxeñería do Campus Terra, o que suporá un engadido de calidade na formación do alumnado porque farán prácticas nun laboratorio vivo.
As novas instalacións creadas pola Deputación coa colaboración da Universidade de Santiago, “contribuirán ao desenvolvemento económico da provincia de Lugo a través do impulso dun sector produtivo esencial para a nosa provincia, como é o lácteo, no que somos unha potencia a nivel do Estado; e tamén contribuirán a afianzar a posición da provincia de Lugo no mapa do ensino superior europeo, a reter o talento dos mozos e mozas, e a fixar poboación no rural”, asegurou o presidente da Deputación.
Visión estratéxica do sector primario e do rural
Tomé Roca sinalou que o deber das administracións públicas pasa por atender á cidadanía no seu día a día, pero tamén, dixo, “por planificar e impulsar o futuro da sociedade a medio e longo prazo, dende unha visión global e estratéxica do territorio e dende o coñecemento da súa realidade e das súas oportunidades”.
Coa Granxa Experimental de Leite, a Deputación dá un paso máis, ampliando “esta actividade de apoio ao sector agrogandeiro”, destacou Tomé, quen avanzou que a institución provincial “traballa tamén ten en proxecto a creación dunha granxa procina de raza Porco Celta, en colaboración con outras entidades, dentro das directrices e das posibilidades da Deputación, como propietaria desta finca Gayoso Castro”.
Instalacións á vangarda
As instalacións da Granxa do Campus Terra están construídas nunha finca de 15.500 metros cadrados de titularidade da Deputación, ao pé da Granxa Gayoso Castro. Ten capacidade para 70 vacas en produción e 12 secas. Conta cunha nave para gando de leite, unha nave de maquinaria, un aulario (habilitado para 40 alumnos e alumnas, e 20 prazas de persoal investigador), unha fosa de xurro e dous silos de formigón. Deses 15.500 metros cadrados, 4.400 metros cadrados utilízanse para as infraestruturas. A maiores do previsto inicialmente, a Deputación decidiu pavimentar a contorna da Granxa Experimental, investindo preto de 140.000€, para mellorar a presencia e os accesos á infraestrutura.
Instalouse unha sala de muxido que terá capacidade para dez cabezas de gando e que utiliza un robot, un mecanismo que se combinará co pastoreo, un sistema pouco común aínda en Galicia pero moi estendido noutras zonas de Europa e que permite diminuír os custes e valoriza o leite. Incorpora un conxunto de medidas de benestar animal, entre as que se inclúen o cepillo rotativo, cornadizas, cubículos e galbanizados. O centro conta cunha zona de observación, que facilita a visión total da instalación, un aspecto útil á hora de desenvolver as prácticas.
Ampla representación universitaria
A inauguración da Granxa do Campus Terra congregou este martes en Castro de Ribeiras de Lea unha ampla representación política e universitaria. A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; a vicerreitora de Organización Académica da USC, Celia Besteiro, e o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, acompañaron ao reitor Antonio López na estrea desta nova instalación universitaria, no marco dun acto no que tamén se deron cita un bo número de docentes e investigadores, así como os decanos das facultades de Veterinaria, Gonzalo Rodríguez; Administración e Dirección de Empresas, Roberto Bande; o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, Tomás Cuesta, e a vicedecana da Facultade de Ciencias, Asteria Luzardo, ademais do alumnado xa en prácticas.


