Ir o contido principal

Greenlow Pecuaria bota a andar para reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nas explotacións gandeiras

O metano entérico non é unha emisión calquera xa que está directamente relacionada co proceso dixestivo dos ruminantes. FOTO: Santi Alvite
O metano entérico non é unha emisión calquera xa que está directamente relacionada co proceso dixestivo dos ruminantes. FOTO: Santi Alvite
O proxecto que se presentou no IBADER do Campus de Lugo aspira a crear un ecosistema transfronteirizo de investigación e transferencia do sector agropecuario, centrado na área Galicia–Norte de Portugal

Avanzar cara a un coñecemento máis real, máis preciso e máis útil das emisións do sector gandeiro na Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal é a meta que persegue o proxecto Greenlow Pecuaria, presentado este xoves 21 no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da USC. Nun acto presidido pola reitora Rosa Crujeiras e que contou coa participación da conselleira de Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, deuse conta dos detalles desta iniciativa que nace como un ecosistema transfronteirizo de investigación e transferencia do sector agropecuario para reducir o seu impacto, centrado na área Galicia–Norte de Portugal. “A súa finalidade é impulsar a transición verde do sector gandeiro, promovendo a sustentabilidade e a diminución de gases de efecto invernadoiro mediante cooperación entre centros de investigación, administracións públicas e entidades do propio sector agropecuario”, destacou a investigadora da USC que lidera o proxecto, Cristina Castillo.

A reitora salientou a necesidade de “afrontar os retos asociados á sustentabilidade do sector gandeiro”, obxectivo que require necesariamente “cooperación institucional, capacidade de diálogo e políticas públicas apoiadas no coñecemento científico”. “A desexada e necesaria transición cara a modelos máis sostibles só será posible se universidade, administracións e sector produtivo avanzan da man, compartindo información, obxectivos e responsabilidade”, engadiu. Nesta mesma liña, a conselleira de Medio Rural destacou que o proxecto “vai moito máis alá da investigación”, xa que busca trasladar solucións prácticas ás explotacións para mellorar a eficiencia produtiva, avanzar na dixitalización e reducir a pegada ambiental, ao mesmo tempo que se segue impulsando a rendibilidade das granxas.

Metano

O obxectivo inicial é establecer cal é o nivel de emisión de metano en condicións reais de produción. A partir de aí, pode valorarse “que marxe de redución existe, que medidas son máis eficaces, cales son viables para as explotacións e cales poden transferirse ao conxunto do sector”, sinala Cristina Castillo. Neste sentido, o proxecto expón o desenvolvemento de modelos preditivos de emisións de gases de efecto invernadoiro para a gandería de vacún, utilizando metodoloxía do Panel Internacional para o Cambio Climático (IPCC), así como a implementación piloto e o testeo deses modelos en condicións reais. Tamén contempla o desenvolvemento dun xemelgo dixital para a estimación das mesmas.

Para Cristina Castillo, “trátase de crear un sistema que permita achegarnos moito máis á realidade das explotacións. Un sistema que poida integrar información sobre alimentación, tipo de animal, produción, manexo, condicións ambientais e características da explotación. E, a partir de aí, estimar con máis rigor as emisións”. Ese salto é clave, engade: “pasar dunha gandería avaliada con valores xerais a unha gandería avaliada con información propia”.

O metano entérico non é unha emisión calquera xa que está directamente relacionada co proceso dixestivo dos ruminantes. Xérase durante a fermentación ruminal, e o seu nivel depende en gran medida da alimentación. Por iso, unha das liñas máis importantes de traballo é a optimización da mesma. “Se conseguimos axustar mellor as dietas poderemos reducir a produción de metano entérico sen afectar negativamente á produtividade”, destaca a investigadora. Agora ben, a sustentabilidade non pode exporse como unha carga que poña en risco a viabilidade das explotacións. “Unha explotación gandeira ten que ser ambientalmente responsable, si, pero tamén economicamente viable”. matiza. Cristina Castillo pon o foco en que “as solucións non son aplicables, se son demasiado caras, se reducen a produción ou se complican excesivamente o traballo diario”. Por iso, este proxecto non se centra unicamente en reducir emisións de xeito teórico. Céntrase en buscar solucións prácticas: medidas biotecnolóxicas, estratexias de alimentación, manexo animal, xestión ambiental e tecnoloxías de gandería de precisión que poidan probarse e validarse en condicións reais.

Consorcio

Greenlow Pecuaria combina investigación aplicada, desenvolvemento tecnolóxico e cooperación transfronteiriza para xerar solucións reais na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal. O proxecto enmárcase no Interreg POCTEP, cun orzamento de 796.186,86 euros ata 2028, cofinanciado polo FEDER. O beneficiario principal é a Universidade de Santiago de Compostela a través do Ibader, e tamén participan, como socios, a propia Consellaría do Medio Rural (a través da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e da Axencia Galega da Calidade Alimentaria), a Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA), o Instituto Politécnico de Viana do Castelo (IPVC), a Associação para o Apoio à Bovinicultura Leiteira do Norte (ABLN) e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Norte. A sesión de presentación foi clausurada polo vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Roberto Bande. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.05.2026.