Ir o contido principal

O Grupo Compostela de Universidades impulsa o proxecto ‘ConArte no Camiño’, dirixido á comunidade universitaria de Belas Artes

Cartel da convocatoria
A iniciativa busca busca achegar os artistas ao entorno do Camiño de Santiago para que adquiran novas experiencias vitais
A esta iniciativa, co-liderada polas universidades de Santiago e da Coruña, foron convidadas a participar as 61 universidades socias do Grupo Compostela

O proxecto ‘ConArte no Camiño. Belas Artes para a transmisión dos valores universais do Camiño’, promovido polo Grupo Compostela de Universidades (GCU) e que forma parte do programa ‘O teu Xacobeo’ da Xunta de Galicia, busca achegar os artistas ao entorno do Camiño de Santiago para que adquiran novas experiencias vitais. Unhas experiencias que sexan fonte de inspiración na creación de obras plásticas e escenografías, e que posteriormente sirvan de vehículos da transmisión do coñecemento e propicien o seu uso didáctico.

A esta iniciativa, co-liderada polas universidades de Santiago e da Coruña, foron convidadas a participar as 61 universidades socias do GCU. Os estudantes de grado, posgrao e investigadores destas institucións poden enviar as súas solicitudes para optar ás bolsas da actividade ata o 30 de xullo de 2021. As persoas que as reciban terán cuberto o aloxamento, a manutención, os traslados locais, o material para as súas creacións artísticas e o seguro de responsabilidade civil.

Na segunda fase do proxecto, as 18 persoas seleccionadas participarán do 23 ao 29 de setembro en actividades académicas, culturais e de integración social, desenvolvidas ao longo do Camiño de Santiago na comarca de Ferrol. O seu percorrido culminarase cun congreso final, que terá lugar o vindeiro 30 de setembro en Santiago de Compostela. Ademais, ‘ConArte no Camiño’ incorpora un plan de sustentabilidade que contempla a creación do Club da Caldeira de Artistas do GCU, no que os seus membros interactuarán na procura de novas oportunidades vencelladas ás Belas Artes, á transmisión dos valores europeos e á divulgación da riqueza patrimonial do Camiño.

O Grupo Compostela de Universidades

O Grupo Compostela de Universidades é unha asociación internacional sen ánimo de lucro, recoñecida en 2020 como entidade de utilidade pública, que traballa en favor da colaboración e promove o diálogo en todos os ámbitos da Educación Superior. O GCU comezou a súa andaina no ano 1994 e desde a súa creación foi crecendo ata unir ao seu camiño a máis de 60 universidades de todo o mundo. Todos os membros do Grupo Compostela de Universidades comparten os valores de cooperación e integración desenvolvidos en torno ao Camiño a Santiago.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.07.2021.