Ir o contido principal

O Hub Datalife no que toma parte a USC impulsará o valor de Galicia como biorrexión europea de referencia

Foto de familia cos integrantes do Hub
Foto de familia cos integrantes do Hub
Bioeconomía, sustentabilidade e saúde serán os eidos de aplicación deste polo integrado por máis de sesenta entidades, entre empresas, asociacións e outros centros de coñecemento
Santiago de Compostela

O Hub Datalife, no que toma parte a USC como unha das institucións promotoras, conformará unha rede conectada de coñecemento, infraestruturas ou tecnoloxía, entre outros, para situar no seu núcleo a Intelixencia Artificial (IA) e a analítica de datos, e que ten como ámbitos de aplicación a bioeconomía, a sustentabilidade e a saúde. Xunto á Universidade, máis de sesenta entidades, entre empresas, asociacións e outros centros de coñecemento, integran esta asociación que será presentada nun acto público no mes de xaneiro, e que aspira a impulsar o valor de Galicia como biorrexión europea de referencia. 

Ás tecnoloxías nucleares do Hub engádeselles de xeito natural a Internet das cousas, a computación de altas prestacións e a ciberseguridade, as cales complementan ás anteriores no desenvolvemento de aplicacións tecnolóxicas, e que tamén forman parte do foco tecnolóxico do DIH. 

Liderazgo sectorial, tecnolóxico e empresarial
Un dos piares sobre os que se asenta este polo é o de ser líder sectorial apoiándose sobre sectores estratéxicos para a economía e a sociedade en Galicia, nos que xa se dispón dunha vantaxe competitiva relevante tanto en materia produtiva, como de provisión de servizos asistenciais e de capacidades científico-técnicas, facendo de Galicia unha das  biorrexións europeas. 

O liderado tecnolóxico susténtase nunha importante especialización en tecnoloxías disruptivas nas que os centros de competencia,  particularmente a USC, posúen ampla experiencia, ademais dun posicionamento competitivo en Europa. O Hub aposta por unha actuación coordinada entre os centros de competencia dixitais e outros centros de competencia sectoriais. Isto permitirá multiplicar o impacto dixital, potenciando as súas sinerxías con outras tecnoloxías sectoriais e mesmo con outras KET, como a biotecnoloxía ou a robótica. 

O liderado empresarial acadarase coa participación das principais empresas  tractoras dos sectores foco do  DIH que servirán de  validadores e prescritores de tecnoloxía e exercerán un efecto de arrastre sobre o resto das Pemes do tecido produtivo que operan no seu ámbito de actuación

Os principais obxectivos deste modelo de Hub son cohesionar o sistema galego de innovación articulando modelos de colaboración abertos, articulados entorno á dixitalización, que permitan coñecer e aproveitar as capacidades existentes e reforzar e avanzar na especialización intelixente de Galicia, concentrando os recursos e infraestruturas ao redor de ámbitos estratéxicos para a comunidade, baixo o principio da auto sustentabilidade.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2019.