Hugo Guezeta e 9Louro actúan en Santiago e Lugo
A programación musical Outono Cultural da USC trae o vindeiro xoves 20 a Santiago e Lugo dúas propostas da nova escena do rap galego. O artista Hugo Guezeta actuará ás 20.15 horas na Praza de Santa María de Lugo (en caso de condicións meteorolóxicas adversas, no Auditorio de Veterinaria), mentres que ás 21.00 horas na Igrexa da Universidade fará o propio 9Louro.
Hugo Guezeta
O músico de Ponteareas Hugo Guezeta será quen inaugure o ciclo 'Lubicán' coa súa proposta innovadora de rap galego. O que fora integrante e co fundador de SonDaRúa emprendeu a súa carreira en solitario con letras cunha alta compoñente reivindicativa. A súa capacidade de fluír sobre as bases e de moverse desde ritmos de hip hop máis clásicos ata melodías de reggae sitúan este artista como un dos máis completos e versátiles do movemento urbano. A finais de 2024 lanzou o álbum O Noso Tempo.
O concerto, de entrada libre e aberta, enmárcase na programación artellada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, que recibe financiamento da USC, Cultura e Turismo do Concello de Lugo e da Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.
9Louro
Pola súa banda, o proxecto persoal de Martín Louro, 9Louro, soará na Igrexa da Universidade. As entradas poderanse recoller de balde o mesmo día a partir das 20.30 horas na entrada do recinto, cun máximo de dúas por persoa. O acceso farase a partir das 20.50 horas.
A proposta innovadora deste artista de 20 anos de Louro (Muros) combina ritmos da música galega con influencias do afro, funk brasileiro ou trap. O seu son único reflicte unha fusión entre a tradición e a modernidade.