Ibader, o gran valedor da sétima Reserva da Biosfera de Galicia

A declaración como reserva da biosfera de máis de 306.500 hectáreas do territorios que se estende pola Ribeira Sacra, serras do Oribio e Courel por parte da Unesco corrobora o éxito do traballo desenvolvido durante os últimos catro anos polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) do Campus Terra da USC. O cometido do Ibader como gran valedor da sétima Reserva da Biosfera de Galicia e a segunda máis grande, despois da de Terras do Miño, non admite dúbida algunha, xa que este instituto da USC promoveu desde un principio a candidatura liderada pola Xunta de Galicia, que tamén contaría co apoio da Fundación Juana de Vega.
Cunha poboación de máis de 75.000 habitantes, distribuídos de xeito heteroxéneo entre 18 municipios da provincia de Lugo e cinco da de Ourense, a concesión da figura internacional de Reserva da Biosfera aos territorios da Ribeira Sacra e serras do Oribio e Courel por parte do Consello Internacional de Coordinación do Programa Home & Biosfera (MaB) da Unesco, non só pon en valor e destaca a gran beleza natural, e a riqueza cultural e etnográfica que atesoura a rexión que se estenden polos canóns do Sil e a carón do río Miño, senón quen tamén salienta a necesidade de seguir a traballar para reconciliar a diversidade biolóxica e cultural co desenvolvemento económico e social dos territorios.
Tras a proclamación feita por parte da Unesco, o territorio incluído na Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e O Courel intégrase oficialmente na Rede Mundial de Reservas de Biosfera e súmase aos outros seis que contaban xa en Galicia con este recoñecemento: Terras do Miño; Área de Allariz; Os Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá; Río Eo, Oscos e Terras de Burón; Transfronteiriza Gerês-Xurés; e Mariñas Coruñesas-Terras do Mandeo.
O recoñecemento da sétima reserva da biosfera en Galicia eleva a superficie desta comunidade autónoma que conta con este distintivo internacional ata case o 35% da súa xeografía, ao tempo que implica que o 42% do territorio galego queda amparado baixo algunha figura de protección, o que afianza o recoñecemento á riqueza do noso patrimonio natural en todo o mundo, segundo salientou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia, Ángeles Vázquez, na súa intervención diante do comité da Unesco.
Catro años de traballo
A declaración da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel como Reserva da Biosfera é o resultado de catro años de traballo e dun longo proceso de participación pública. Así, unha vez superado o trámite ante o Comité Español do Programa M&B, que en novembro de 2020 avalou a candidatura por unanimidade e decidiu seguir adiante coa súa tramitación, a proposta para declarar reserva da biosfera a Ribeira Sacra chegou a mans do órgano consultivo internacional da Unesco hai uns meses, que emitiu un informe favorable no que, ademais, felicitaba aos promotores polo traballo realizado e a “excelente” calidade do proxecto.
Case catro anos despois de que a proposta galega botara a andar, a declaración oficial da nova reserva da biosfera por parte do Consello Internacional de Coordinación do Programa M&B entrou en vigor o pasado mércores, trala súa publicación no Boletín Oficial do Estado, ao tratarse dunha área protexida por instrumentos internacionais.