Ir o contido principal

O Idega pon o foco no desafío da España baleira(da)

A Rede porá en marcha un observatorio interdisciplinario sobre despoboación. FOTO: Santi Alvite
A Rede porá en marcha un observatorio interdisciplinario sobre despoboación. FOTO: Santi Alvite
A Rede DESP-OB liderada dende o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia botou a andar este martes 2 na Facultade de Humanidades da USC para, entre outras medidas, poñer en marcha un observatorio interdisciplinario sobre despoboación
Lugo, Santiago de Compostela

Poñer en marcha un observatorio interdisciplinario sobre despoboación, elaborar un catálogo de boas prácticas con estudos de caso no conxunto do Estado ou ofrecer unha folla de ruta estratéxica á cidadanía e ás institucións. Estes son os retos sobre os que se artella a Rede DESP-OB que, co Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (Idega) da USC á fronte, pretende arroxar luz sobre un dos grandes desafíos da actualidade: a España baleira(da).

A Rede DESP-OB botou a andar este martes 2 nun acto que tivo lugar na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC e que contou coas intervencións do decano do centro, Gonzalo Fernández; o vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro; e o director do Idega e coordinador da Rede, Rubén C. Lois. En total, once institutos, cátedras e grupos de investigación de distintas universidades españolas e o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) cooperarán no marco desta iniciativa financiada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Axencia Estatal de Investigación. De feito, no acto de presentación de DESP-OB, as persoas que participan no proxecto presentaron os seus centros e as súas respectivas liñas de investigación. A sesión tivo como colofón o relatorio 'Despoboación e despoboamento no Atlas Nacional de España', que correu a cargo da profesora da USC na Facultade de Xeografía e Historia, María José Piñeira. 

Ademais do IDEGA e o CSIC, participan na rede unidades de primeiro nivel vinculadas ás universidades de Oviedo (RegioLab), León (GIEA), Zaragoza (CEDDAR), Illas Baleares (GREI), Valencia (UDERVAL-IIDL), Alacante (IEI), Murcia (CEMUGE), Málaga (INACOM) e o campus Terres del Ebre da Universitat Rovira i Virgili. En conxunto, o proxecto agrupa investigadores e investigadoras de diferentes disciplinas, dende a economía e a xeografía até as ciencias da comunicación, que poden xerar novas capacidades para a caracterización e a abordaxe do reto demográfico e o despoboamento.

DESP-OB é unha das iniciativas seleccionadas polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a Axencia Estatal de Investigación na convocatoria 2024 do programa 'Redes de investigación', no marco do Programa Estatal de Transferencia e Colaboración do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2024-2027. As dez accións previstas no proxecto teñen, por tanto, un prazo de execución de dous anos, pero a rede nace con vocación de permanencia e conta entre os seus obxectivos coa incorporación de novos centros, a súa internacionalización e a formulación de novas iniciativas. Toda a información pode consultarse no portal web da rede (www.despob.es) e nos seus perfís nas principais redes sociais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.09.2025.