O III Premio Rafael Crecente distingue un proxecto sobre rega de Daniel Vázquez e Sergio Pereira

O proxecto ‘A paisaxe da auga: uso e xestión dun ben común’, unha proposta sobre o sistema de rega tradicional localizada no concello de Redondela e elaborada polos pontevedreses Sergio Pereira e Daniel Vázquez acaba de ser distinguida co III Premio Rafael Crecente de Propostas Innovadoras de Xestión Territorial, un galardón impulsado polo Laboratorio do Territorio (LaboraTe) e o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da USC en memoria do profesor Rafael Crecente Maseda.
A proposta gratificada con 2.000 euros na terceira edición deste certame atende a dimensión física (conxunto de infraestruturas hidráulicas) e a tamén a inmaterial (formas tradicionais do uso e da xestión colectiva da auga) do sistema de rega tradicional aínda vixente na provincia de Pontevedra e tamén no sur da provincia da Coruña e na rexión máis occidental de Ourense.
Os autores desta proposta, que salienta a importancia do sistema de rega para o mantemento do territorio e a pervivencia das comunidades locais, recibiron o galardón no marco dunha sesión virtual celebrada este xoves, e no marco da que o xurado do III Premio Rafael Crecente tamén formalizou a entrega do segundo premio do certame, un premio dotado con 1.000 euros en metálico, ao proxecto ‘EcoMariñas: Unha proposta de permacultura na Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo’, asinada por Sara Rodríguez Sánchez.
A cerimonia de clausura do III Premo Rafael Crecente serviu tamén de plataforma de presentación da cuarta edición do Premio Rafael Crecente de Propostas Innovadoras de Xestión Territorial. O evento, desenvolvido en liña e que puido seguirse a través da plataforma Zoom e tamén na canle de YouTube do LaboraTE, incluíu o relatorio ‘Raíces agrarias da despoboamento en España. Transformacións biofísicas da agricultura e desestruturación no campo español no século XX’, a cargo do profesor da USC na Facultade de Administración e Dirección de Empresas David Soto Fernández.
Na súa intervención, Soto Fernández, que é coautor do volume sobre a historia da agricultura en España, fixo unha viaxe polas principais transformacións tecnolóxicas experimentadas pola agricultura ao longo do século XX, ao tempo que relacionou estes cambios, que sitúa na orixe do proceso de desagrarización e tamén do despoboamento de parte do territorio, coa perda de biodiversidade.
O director do Ibader, Pablo Ramil Rego; o coordinador do LaboraTe da USC, David Miranda; o tamén profesor da USC na EPS de Enxeñaría, Javier López González; o investigador do LaboraTE da USC Quico Ónega e Mario Crecente Maseda, irmán do homenaxeado, foron algúns dos relatores que participaron como relatores na cerimonia de clausura e entrega de galardóns do III Premio Rafael Crecente de Propostas Innovadoras de Xestión Territorial.
