Ir o contido principal

Seis iniciativas emprendedoras da USC, distinguidas cos premios do Programa Santander X Spain Awards 2025

Varios proxectos premiados traballan campo da medicina e da biofarmacia. Foto: Santi Alvite
Varios proxectos premiados traballan campo da medicina e da biofarmacia. Foto: Santi Alvite
O obxectivo deste programa, no que colabora a USC, é recoñecer e potenciar as mellores startups e proxectos emprendedores universitarios

As spin-offs da USC FlowReserve Labs, Libera Bio e Inverbis Analytics acaban de obter o premio do Programa Santander X Spain Awards│Startup Universitaria 2025 polas súas solucións innovadoras en fase de aceleración, uns galardóns que se completan cunha mención de honra concedida á startup Labre Gando. O galardón supón unha dotación de 4.000 euros e acceso directo ao premio estatal Santander X Spain Award | Startup & Scaleup 2025.

No campo da medicina e da biofarmacia traballan FlowReserve Labs, que proporciona indicadores cardiolóxicos de medicina personalizada a partir da reconstrución de imaxes de AngioTAC, e Libera Bio, centrada no desenvolvemento dunha nova xeración de nanomedicamentos de precisión para mellorar o tratamento do cancro. Pola súa banda, Inverbis Analytics está especializada na minería de datos.

Proxectos emprendedores universitarios
Asemade, outras tres iniciativas obtiveron os premios do Programa Santander X Spain Awards na modalidade de Proxectos Emprendedores Universitarios 2025: NbusCeliac Rapid Test, de Daniel Abella López; Medicina personalizada para o Vértigo Posicional Paroxístico Benigno, de Ismael Arán Tapia, e PROA2 Health, de Nerea González Rodríguez. Tamén foi distinguido cunha mención de honra o proxecto Optimuu.

NbusCeliac Rapid Test está orientado a ofrecer unha plataforma para o diagnóstico e seguimento da enfermidade celíaca de forma rápida, sinxela e non invasiva; Medicina personalizada para o Vértigo Posicional Paroxístico Benigno propón unha solución innovadora baseada en simulacións matemáticas personalizadas que adaptan o tratamento á anatomía concreta de cada paciente, actualmente en fase de validación nun ensaio clínico; e PROA2 Health é un leite de inicio para lactantes elaborado con leite 100 % A2 procedente de vacas galegas das razas Holstein e Jersey en réxime de pastoreo, cunha formulación innovadora que mellora a dixestibilidade e achega a composición da fórmula á do leite materno.

Neste caso, o premio conleva una dotación económica de 2.000€ para o desenvolvemento da solución emprendedora presentada e acceso directo ao premio nacional Santander X Spain Award | University 2025.

O xurado do Programa Santander X Spain Awards 2025 estivo composto por Luis Otero, delegado do reitor para a Transferencia do Coñecemento; José Luis Villaverde, director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, AVTE; Elena Polo, da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia; Carmen Casado, responsable de Promoción Económica do Concello de Santiago de Compostela, e Manuel Fernández Grela, en representación do Instituto de Estudos e Desenvolvemento Económico de Galicia, IDEGA.

O obxectivo do Programa Santander X Spain Awards, que forma parte do apoio de Banco Santander ao emprendemento universitario e no que colabora a USC, é recoñecer e potenciar no ámbito estatal as mellores startups e spin offs universitarias de base tecnolóxica ou de coñecemento e que teñan unha solución innovadora en fase de aceleración; así como proxectos emprendedores universitarios con opcións para transformarse en solucións e negocios viables.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.07.2025.